A Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral da Emigración renovan o seu compromiso cos galegos maiores do exterior na súa visita aos beneficiarios de “Reencontros na terra” 2018

Miranda e De la Campa presidiron o acto de despedida aos 135 participantes do programa da Xunta de Galicia na residencia de tempo libre do Carballiño
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral da Emigración renovan o seu compromiso cos galegos maiores do exterior na súa visita aos beneficiarios de “Reencontros na terra” 2018

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, veñen de renovar o seu compromiso cos maiores do exterior durante o acto de entrega de diplomas aos 132 participantes desta nova edición de “Reencontros na Terra”. O programa é un dos máis antigos do Goberno galego dirixidos especificamente aos maiores galegos que emigraron a América.

Miranda, para quen supón a terceira visita aos beneficiarios desta iniciativa autonómica logo de dar a benvida a parte deles no aeroporto de Madrid e no de Vigo á súa chegada, e de recibilos durante a súa excursión a Santiago de Compostela a semana pasada, anuncioulles a renovación do compromiso da Xunta de Galicia cos seus cidadáns residentes no exterior, que a día de hoxe ascenden a 516.489, dos que máis do 70% naceron xa nos seus países de destino, e menos do 30%, en Galicia.

Máis de sesenta anos de contrastes

“A vosa experiencia, a vosa sabiduría e, sobre todo, os vosos recordos son fundamentais para Galicia. Por iso somos nós, todos os galegos, vivamos onde vivamos, quen temos que darvos as grazas por preservar intacto ese cadro da vosa terra desde hai décadas, por poder comparalo co que atopades hoxe e, por enriba de todo, por compartir todo isto connosco. Algúns de vós preguntabades en Santiago que podedes facer para agradecer esta oportunidade de volver, e o mesmo que vos dixen entón dígovolo hoxe: contádeo todo, contade a vosa experiencia á volta, e deixade que todos os vosos formen parte tamén a través de vós desta nova Galicia, que moitos apenas coñeciades logo de máis de sesenta anos sen regresar. E contádeo a outros galegos que desta volta non souberon deste programa ou non se animaron a solicitalo, para que o fagan o ano que vén, ou o seguinte, ou o seguinte e poidan gozar tamén desta nova Galicia súa. Porque este compromiso de Galicia convosco chegou hai moito tempo para quedar”, asegurou.

De la Campa, pola súa banda, quen cunha dilatada traxectoria profesional ligada á emigración galega, tamén quixo reiterar “o compromiso da Xunta coas persoas maiores, tanto con aquelas que residen na nosa comunidade como os galegos no exterior”. Neste sentido, destacou a importancia de propostas como Reencontros na terra para “que estas persoas nunca rompan os lazos coa que é e será sempre a súa terra”, afirmou.

Ata mes e medio de actividades e en familia

Logo de quince días de actividades con base na residencia de tempo libre do Carballiño, dependente da Consellería de Política Social, a meirande parte dos 132 participantes na edición de este ano de “Reencontros na Terra” trasladaranse a partir de mañá coas súas familias de Galicia, coas que poderán convivir entre quince e trinta días máis. Durante estas dúas semanas, os beneficiarios do programa (emigrantes galegos maiores de 65 anos procedentes da Arxentina, O Uruguai, O Brasil, Venezuela e Cuba), tiveron oportunidade de coñecer lugares como Ourense, Allariz, Santiago de Compostela, O Carballiño e Ribadavia e de practicar diversas actividades. A celebración o pasado mes de xullo dunha nova edición de “Reencontros na Casa”, que ofreceu a oportunidade a 134 maiores galegos de achegarse a Galicia para pasar ata mes e medio coas súas familias, eleva o número total de beneficiarios destes programas a preto de 300 galegos maiores residentes no exterior só en 2018.