A Consellería de Sanidade incorpora desde o vindeiro luns a vacina fronte ao rotavirus para os lactantes nacidos prematuros

Administrarase en dúas doses a partir da sexta semana de vida en nenos nacidos entre as semanas 27 e 32 de xestación
Publicado por o día 15/11/2019 na sección de Sanidad

A Consellería de Sanidade incorpora desde o vindeiro luns a vacina fronte ao rotavirus para os lactantes nacidos prematuros

A Consellería de Sanidade incorporará desde o vindeiro luns a vacina fronte ao rotavirus en nenos prematuros. A vacina está recomendada nos lactantes nacidos entre as semanas 27 e 32 de xestación que non teñan contraindicacións e se aplicará en dúas doses: unha primeira a administrar entre as semanas 6 e 12 de vida (se ben poderá demorarse ata a semana vinte) e unha segunda dentro das primeiras 24 semanas.

A infección por rotavirus é unha das patoloxías previbles para as que o risco de complicacións aumenta entre os nenos nacidos prematuros, neste caso, especialmente en forma de diarreas potencialmente máis graves que nos lactantes a término. O risco de complicacións asociadas a esta enfermidade é inversamente proporcional ao peso ao nacer, de xeito que en recén nados con menos de 2,5 quilos de peso se multiplica por tres o risco de hospitalización durante unha gastroenterite por rotavirus.

Os estudos dispoñibles sobre a efectividade da vacina que desde este mesmo luns entrará a formar parte do calendario vacinal infantil amosan unha redución da hospitalización por rotavirus dun 98% en nenos nacidos con pesos inferiores a 2,5 quilos e dun 93% naqueles de menos de 1,5 quilos.

A administración da nova vacina é compatible coa normal aplicación do resto de inmunizacións xa previstas no calendario de vacinación infantil.

A Dirección Xeral de Saúde Pública subministrará as doses requeridas polos puntos de vacinación segundo o procedemento habitual. Todas as vacinas administradas quedarán debidamente reflectidas no Rexistro do Programa Galego de Vacinación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.