A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe á Consellería de Medio Rural de “darlle as costas” aos técnicos de prevención e defensa contra incendios forestais. Rodríguez presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Consellería que convoque “de inmediato” a mesa de negociación para actualización as condicións laborais destes traballadores, que datan de 2008, e que foi rexeitada polo PP.
Rodríguez respaldou as demandas destes profesionais, que convocaron unha folga no pasado agosto para pedir aumentar os cadros de persoal para garantir os descansos legais, a redución do horario anual, que actualmente supera as 2.000 horas, ou regular o traballo en fins de semana e festivos. Tamén demandan unha mellor distribución do traballo e eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, así como habilitar o coeficiente redutor para xubilación anticipada.
A responsable socialista reclamoulle ao PP e ao goberno galego que dean resposta ao traballo fundamental deste colectivo, que “están 24 horas dispoñibles” para protexer Galicia dos lumes forestais. Lembrou que suman xa 3 anos pedindo sen éxito xuntanzas coa Consellería para atender ás súas demandas para acadar unhas mínimas condicións laborais.
Criticou que o goberno galego segue sen ter amosado ningún tipo de vontade de negociación con estes profesionais, que desconvocaron a folga no mes de setembro coa intención de retomar unha negociación da que seguen sen ter noticia.
Dereito á folga
A parlamentaria socialista reclamoulle ademais ao goberno galego que depoña os seus comportamentos “que vulneraron o dereito á folga das persoas traballadoras técnicos do SPIF” no tempo que durou a protesta. Explicou que estas irregularidades comezaron co inicio da folga, impoñendo descontos salariais ao persoal que tiña cumprido uns servizos mínimos do cen por cen.
A Consellería impuxo ademais unha campaña de “presións, coaccións e pseudo ameazas” para obrigar a executar tramitacións non recollidas na orde de servizos mínimos, substituíndo ao persoal en folga por persoal alleo, ou impoñendo o cambio de quendas laborais.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.