A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata as 17,30 h de hoxe

Quedou estabilizado un lume no concello de Vilalba, parroquia de Vilapedre
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Medio Ambiente,Sucesos

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata as 17,30 h de hoxe

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 17,30 h. de hoxe.

Estabilizado Vilalba

Estabilizado ás 17,10 h. un lume rexistrado no concello de Vilalba, parroquia de Vilapedre, que comezaba esta mañá ás 10,06 h. e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 33 hectáreas de monte raso. Na súa estabilización traballan 1 técnico, 4 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.

Controlado Lobios

Continúa controlado desde as 20,32 h. de onte o lume rexistrado no concello de Lobios, parroquia de Manín, e que afecta ao parque natural do Xurés. Este lume iniciouse ás 18,49 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 25 hectáreas, das cales 20 son de monte raso e as 5 restantes de arborado. Para controlar este incendio mobilizáronse 1 técnico, 11 axentes, 41 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Controlado Vilariño de Conso

Segue controlado tamén o lume rexistrado no municipio de Vilariño de Conso, parroquia de San Mamede de Hedrada, e que afecta o parque natural do Invernadeiro. O incendio comezou o venres ás 16,42 h. e quedou controlado onte ás 20,30 horas. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 40,1 hectáreas, das cales 25,63 son de monte raso e as 14,47 restantes de arborado. Para controlar este lume mobilizáronse 2 técnicos, 27 axentes, 73 brigadas, 30 motobombas, 1 pa, 15 helicópteros e 8 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.