A Consellería do Medio Rural adxudicou un proxecto de reforestación no municipio da Fonsagrada que afectará a 12,66 hectáreas dos montes Allonquiña (na parroquia de Santa Marta de Allonca) e Pereira (en Pereira de Bastida).
Así o deu a coñecer o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen explicou que esta superficie será replantada con 14.151 exemplares de piñeiro, das variedades pinaster e radiata. O investimento na actuación será de 27.650 euros.
Das hectáreas que serán repoboadas, 10,99 pertencen ao monte Allonquiña e 1,67 ao de Pereira. A intervención ten a finalidade de recuperar superficie danada con ocasión dun incendio e un temporal.
O obxectivo que se pretende é restaurar a cuberta arbórea, o que supón un efecto positivo sobre a estabilidade do solo e a regulación das escorrentas superficiais. O delegado territorial destacou que esta actuación fará posible que os terreos forestais afectados “volvan a xerar riqueza económica e medioambiental para os veciños e veciñas desta zona”.
Balseiro lembrou que o Goberno galego impulsa o coidado dos montes, ben a través de accións directas coma neste caso ou ben colaborando cos propietarios mediante a concesión de axudas.
Noticias de última hora en Vigo