A Coordinadora do Naval da CIG-Industria mobilízase en Vigo contra a inacción da Inspección de Traballo

A central presentou numerosas denuncias nos últimos dous anos que non foron atendidas pola autoridade laboral
Por o 22/03/2019 | Sección: CIG,Naval,Protestas,Sindicatos
A Coordinadora do Naval da CIG-Industria mobilízase en Vigo contra a inacción da Inspección de Traballo

A Coordinadora do Naval da federación de Industria da CIG mobilizouse onte na Inspección de Traballo en Vigo para rexeitar a inacción da autoridade laboral diante das numerosas denuncias presentadas pola central contra as empresas auxiliares por incumprimentos de convenio, falta de seguridade e exceso de horas.

Representantes da Coordinadora desenvolveron unha concentración ás portas da Inspección, na rúa Cánovas del Castillo, de 10:30 a 12:00 horas, onde despregaron unha faixa contra a precarización do sector e instaron a autoridade laboral a atender as múltiples denuncias presentadas pola central nos dous últimos anos contra as empresas auxiliares por incumprimentos de convenio, falta de seguridade e de medidas de prevención e exceso de horas.

Dende a CIG consideran que esta actitude da Inspección está a ter incidencia directa no aumento da precariedade que se está a producir no sector durante os últimos anos. “Levamos tempo alertando da situación de precariedade que padecen centos de traballadores/as como consecuencia dos incumprimentos das empresas, pero todo sigue igual porque a autoridade laboral ignora as nosas denuncias”, rematan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.