A coordinadora nacional de Esquerda Unida aproba unanimemente a resolución na que se reitera a necesidade de erradicar a explotación sexual e a trata de persoas das nosas vidas

Nesta mañá tamén se aprobou o informe político e a folla de ruta a seguir de cara aos procesos políticos de 2019.
Publicado por o día 22/09/2018 na sección de Esquerda Unida,Política

A coordinadora nacional de Esquerda Unida aproba unanimemente a resolución na que se reitera a necesidade de erradicar a explotación sexual e a trata de persoas das nosas vidas

Esquerda Unida reuniu esta mañá en Compostela a súa coordinadora nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, co fin de deixar pautadas as liñas básicas de traballo e ruta a seguir de cara aos procesos políticos de 2019.

En relación ao Día Internacional Contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, este 23 de setembro, Esquerda Unida aprobou unanimemente unha resolución na que se reitera que os gobernos e as administracións asuman dunha vez as súas responsabilidades e competencias para atallar esta lacra e teñan vontade política e ética para poñer os medios necesarios co obxecto de erradicar a explotación sexual e a trata de persoas das nosas vidas.

O acto arrancou co informe político de Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, que analiza a actualidade e os problemas e retos máis relevantes do país e recolle as inmediatas tarefas para a organización, das que deu conta o secretario de Organización Rubén Pérez, quen falou dos procesos de confluencia e acumulación de forzas dende a esquerda, da man da participación e o diálogo á hora de mudar as políticas neoliberais a prol da maioría.

RESOLUCIÓN POLA ERRADICACIÓN DA EXPLOTACIÓN SEXUAL E A TRATA DE PERSOAS

O vindeiro 23 de setembro se conmemora o Día Internacional Contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, e Esquerda Unida reitera a súa esixencia de que gobernos e administracións asuman as súas responsabilidades e competencias para atallar esta lacra e teñan vontade política e ética para poñer os medios necesarios co obxecto de erradicar a explotación sexual e a trata de persoas das nosas vidas.

No mundo estímase que máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual das cales o 80% son mulleres e nenas menores de 25 anos de idade e que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular.

Aínda que non se dispoña de datos exactos polo propio entorno de delincuencia organizada no que se desenvolve a prostitución, España é un dos principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata de persoas, cun moi preocupante incremento de homes prostituidores cada vez máis xoves, entorno aos 20 anos. No 2016 a Unidade de Estranxeiría da Fiscalía Xeral do Estado identificou a 386 mulleres vítimas de trata de persoas (33 menores de idade), das que 365 foran captadas para fins de explotación sexual. En Galicia se calcula que un 90% das mulleres prostituídas son migrantes, a maioría en situación administrativa irregular.

É innegable o vínculo entre a trata de persoas e a explotación sexual; así, a escravitude e mercantilización prostituidora de mulleres e nenas supoñen un lucrativo negocio, que move no mundo ao redor 18.000 millóns de dólares, e representa o 2º posto no ranking de rendibilidade neoliberalista, reafirmando así que a desigualdade de xénero é un piar fundamental do sistema capitalista. A trata de mulleres e nenas é o recurso que utilizan mafias e proxenetas para abastecer o crecente mercado da prostitución, que se sostén por unha demanda, que non deixa de incrementarse, a de homes clientes prostituidores, cómplices nesta forma extrema de violencia de xénero que é a prostitución. Isto é, non existiría a trata de persoas se non houbera prostitución, e non existiría a prostitución se non houbese demanda.

Así, dende Esquerda Unida ratificamos a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas defendidas polo movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema. Nese sentido, queremos manifestar o apoio ás feministas de Lugo e a súa loita contra a impunidade das persoas do caso Carioca.

Entendemos que a prostitución vulnera os dereitos humanos, o dereito que temos as persoas de non ser abusadas nin utilizadas sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio dunha compensación económica, e por elo, conforme a Convención dos Dereitos Humanos, seguiremos defendendo a abolición de calquera forma de explotación sexual.

Esquerda Unida rexeita calquera intento de regular e lexitimar a prostitución, como intentaron o pasado agosto, coa legalización do sindicato das “traballadoras do sexo”. A prostitución (como a escravitude) non poden simplemente regularse, limitarse ou corrixirse, en tanto que atentan contra os Dereitos Humanos, como sociedade só podemos traballar pola erradicación destas lacras das nosas vidas, co obxecto de que tódalas persoas teñamos dereito real e efectivo a unha vida digna e plena.

E por elo defendemos:

Que a loita contra a trata de mulleres e menores con fins de explotación sexual debe ter un incremento de recursos destinados ao desmantelamento das redes e a “industria” da prostitución que están cada vez máis presentes no noso país e que deben dirixirse ás vítimas de trata, tráfico e prostitución, medidas específicas de integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas, se así o deciden.

A penalización do proxenetismo, dos beneficiarios económicos do comercio do sexo en todas as súas variantes e modalidades, actuando en contra de aqueles que se lucran, tanto directa como indirectamente, coa prostitución allea.

Informar, sensibilizar e concienciar á sociedade en xeral, para que considere a os homes clientes prostituidores como corresponsables da persistencia da lacra da trata de mulleres e menores para fins de explotación sexual.

Rexeitamento de medidas meramente prohibicionistas, dirixidas á persecución e criminalización das vítimas, as mulleres prostituídas, sen intervir contra os agresores, proxenetas e os prostituidores.

Prohibición de publicidade relacionada coa prostitución, que deshumaniza e converte as mulleres en mercadorías facilitando a proliferación de mafias e proxenetismo.