A Plataforma pola Defensa do Tren demanda a creación da Área Metropolitana co tren de cercanías como eixo central

Publicado por o día 03/10/2019 na sección de A Coruña,Galicia,Social

A Plataforma pola Defensa do Tren demanda a creación da Área Metropolitana co tren de cercanías como eixo central

A plataforma demanda que no debate sobre a creación da da Área Metropolitana da Coruña inclúan a implantación do tren de cercanías para mellorar a mobilidade de toda a comarca e rebaixar os niveis de contaminación.

A Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas considera que é positiva a creación da Área Metropolitana da Coruña, e anima a que as forzas políticas cheguen a un acordo para que este proxecto chegue a ser unha realidade. Pero advirten que “desde o comenzo, a Área Metropolitana ten que contar co tren de cercanías como eixo central de todo o proxecto”, sinalando que “ o tren é o único xeito de mellorar a mobilidade en toda a comarca liberando as estradas de vehículos privados, camións e reducir os niveis de contaminación na atmósfera”.

O colectivo leva anos reivindicando que se aproveiten as infraestruturas existentes para a implantación dun servizo de cercanías, a mellora da liña A Coruña – Ferrol, A Coruña – Lugo e a liña de Ancho Métrico (FEVE) entre Ferrol e Ribadeo. “Podería haber paradas en lugares tan importantes como o Materno, a Praza de Ourense, Agrela ou Pocomaco, facilitando a entrada de viaxeiros desde O Burgo, A Barcala, Cambre, Betanzos ou Pontedeume”, aclaran desde a plataforma.

A Plataforma considera que a Área Metropolitana tamén debera defender a titularidade pública do porto da Coruña, tendo en conta que no seu interior pasan as vías do tren que poderían aproveitarse para o cercanías. Estas vías pasan pola estación de San Diego, Praza de Ourense e chegan ata o Palexco. Así mesmo reivindican potenciar a estación de San Diego como estación de mercadorías para reducir o tráfico de camións nas estradas, algo que, sinalan, “é común no resto de Europa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.