A crise da COVID-19 reducirá a capacidade de gasto dos concellos galegos pola súa dependencia financeira do Estado e da Xunta

Os municipios obteñen entre o 42% e o 55% dos seus ingresos a través de transferencias

“Os concellos galegos seguen dependendo excesivamente para o seu funcionamento das transferencias doutras administracións públicas e isto pode traducirse, en caso dun recorte orzamentario por parte destas entidades polas consecuencias dos efectos da COVID-19, nunha diminución da súa capacidade de gasto”. Este é un dos resultados expostos na última nota do Observatorio Municipal Galego da Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo.

A análise do Observatorio Municipal Galego indica que “a caída do PIB, o aumento do déficit público e a caída da recadación, tanto a nivel estatal como autonómico, suporán, con toda probabilidade, un recorte das transferencias que viñan recibindo os gobernos locais do resto de administracións públicas, así como da súa participación nos tributos”. Unido ao anterior, recolle a nota, “os concellos van ter que realizar un esforzo adicional por atender ás importantes necesidades económicas que xa está a xerar a COVID-19 sobre a cidadanía. Algunhas, como a prestación de servizos sociais, son especialmente sensibles e necesarias”.

Compoñente redistributivo

Segundo explican desde a Rede Localis, coordinada por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e Concepción Campos, secretaria de goberno local, en 2017 os concellos galegos cunha poboación de menos de 5000 habitantes recibiron de media por habitante 523 euros, fronte aos 272 euros dos concellos de máis de 50.000 habitantes. “Aínda que a dependencia dos municipios galegos dos ingresos doutras administracións públicas segue sendo elevada, nos últimos anos melloran a súa capacidade tributaria”, comentan desde a entidade. Constátase, engaden, “certa marxe de mellora para aumentar a capacidade fiscal dos concellos galegos, o que evitaría a aínda alta dependencia das transferencias correntes e de capital dos nosos concellos da Administración Xeral do Estado”. De media, indícase na nota do observatorio, os concellos galegos obteñen entre o 42% e o 55% dos seus ingresos a través de transferencias (correntes e de capital) e os ingresos que realizan outras administracións públicas para os gastos correntes dos concellos galegos, na súa maior parte transferencias da Administración Xeral do Estado, recollen un incremento de 62 euros por habitante entre 2010 e 2017. Así, apúntase na análise, a dotación media asignada aos concellos galegos en 2017 foi de 453 euros.

A medida que se reduce o número de residentes do municipio, os expertos indican que a dotación per cápita doutras administracións públicas aumenta. Trátase, apuntan, “dun resultado  esperable, xa que aínda que a capacidade fiscal destes concellos sexa notoriamente menor (polas bases impoñibles e/ou a renda dos seus habitantes) deben prestar obrigatoriamente unha serie de servizos mínimos”. As transferencias correntes, indican desde a Rede Localis, presentan un compoñente  redistributivo, “por iso é polo que beneficia máis, en termos por habitante, aos municipios de menor poboación”. Así, detallan desde a entidade, en 2017 os concellos de ata 5000 habitantes reciben máis ou menos máis de 250 euros por habitante que os concellos de máis de 50.000 habitantes e os municipios galegos recibiron por habitante 89 euros máis que a media estatal.

“En 2017 o cociente entre transferencias correntes e ingresos non financeiros foi do 37,0% (fronte ao 33% de 2010), polo tanto obsérvase un significativo aumento porcentual na achega das transferencias correntes sobre o total dos ingresos non financeiros, o que pon en evidencia que se segue mantendo a dependencia financeira por parte dos concellos galegos dos recursos procedentes doutras administracións públicas”, advírtese na nota do Observatorio Municipal Galego. Ademais, os concellos de Galicia, engádese no  documento, teñen unha maior dependencia financeira doutras administracións públicas que a media estatal, sendo en 2017 e 2010 as porcentaxes de dependencia a nivel estatal do 33% e 29%.

Transferencias autonómicas

A importancia relativa das transferencias correntes pola vía autonómica, comentan desde o Observatorio Municipal Galego, é maior en Galicia que respecto á media estatal. Tomando como referencia 2017, sinalan, a achega que fai a Xunta de Galicia aos concellos galegos é do 29,3% respecto a todas as transferencias correntes fronte ao 22,3%, de media, no ámbito estatal. Pola contra, a achega relativa da Administración Xeral do Estado aos concellos galegos é case dous puntos porcentuais menor (62,0%) que con respecto á totalidade de concellos no ámbito estatal (63,9%), segundo apuntan os expertos. “O anterior permite sinalar como a achega autonómica aos concellos galegos é máis xenerosa da que se realiza noutros territorios”, advirten os expertos da entidade. “Tamén se espera un previsible impacto da COVID-19 en relación á recadación fiscal dos concellos. Aínda que a imposición local non se basea en tributos que afectan directamente á renda dos contribuíntes, é probable que se produza certo impacto recadatorio, sobre todo se se retrae o consumo de bens e servizos por parte da cidadanía e/ou unha falta de pagamento dalgunha das figuras tributarias. Neste sentido, o capítulo de taxas e prezos públicos, sobre todo pensando na actividade turística, tamén pode verse afectado”, engádese na nota da Rede Localis.

Tendo en conta “a delicada situación económica coa que imos ter que convivir nos próximos meses”, desde Rede Localis aconsellan “unha maior flexibilidade en relación á disposición das transferencias recibidas desde o Estado e a Xunta de Galicia aos municipios”. Así, recalcan, “é imprescindible que o Goberno Central e o Autonómico permita aos concellos executar estas partidas naqueles gastos que se consideren máis necesarios para paliar a mala situación económica na que se quedaron moitas familias e empresas. Neste sentido é necesario garantir un maior esforzo orzamentario para garantir transferencias incondicionadas”.

Esta nova nota do Observatorio Municipal de Galicia enmárcase nunha serie de iniciativas de transferencia que está facendo a entidade dende que se produciu a pandemia da COVID-19 e que teñen como obxectivo “pór en valor o traballo que se pode facer no ámbito local para mitigar os efectos económicos que xa se están a producir e que afectan, en maior medida, a poboación con menor capacidade económica”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario