A crise do coronavirus «golpea con forza» o mercado laboral galego: o desemprego sobe por riba da media estatal

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia unha «actuación urxente» en materia de política social para mitigar unha situación que non se dera nin sequera na crise de 2008
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de CC.OO,Coronavirus,Emprego,Galicia,Sindicatos

A crise do coronavirus «golpea con forza» o mercado laboral galego: o desemprego sobe por riba da media estatal

Tras analizar os datos do paro rexistrado do mes de abril, o primeiro completo desde que se decretou o estado de alarma, Comisións Obreiras (CCOO) constata que a crise do coronavirus «golpea con forza» o mercado laboral galego. No mes que rematou perdéronse 27 854 empregos en Galicia e o volume de paro rexistrado aumentou en 17 148 persoas. O desemprego subiu no noso país un 9,8 %, case dous puntos por riba da media española (7,9 %), o maior incremento mensual da serie histórica, pois nin sequera na crise de 2008 se chegou a tal aumento do paro nun só mes.

Este incremento sitúa en 191 629 o número de parados e paradas en Galicia. Sería necesario remontarse ao ano 2017 para atopar un volume de desemprego destas características. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, coida que o Goberno central, unha vez «controle a situación sanitaria», debe «intensificar» as medidas de apoio ao mantemento do emprego e da actividade, amais de aplicar medidas de protección social «para non deixar a ninguén atrás nesta crise».

Canto ao Goberno galego, a secretaria de Emprego de CCOO coida que «debe abandonar a campaña electoral e dedicarse a gobernar e exercer as súas competencias», algo que «aínda non fixo no que levamos de crise», repróchalle a sindicalista. «Os traballadores e traballadoras galegos e as empresas seguen esperando a que a Xunta actúe para que os efectos da crise non asolen o noso feble tecido produtivo». Así mesmo, esíxelle unha «actuación urxente» en materia de política social —competencia autonómica— para atender a poboación con menos recursos e necesitada dunha verdadeira renda de integración social (Risga), «que nin nestes duros momentos está a funcionar como tal».

Análise por sectores, xénero e idades

En abril, o paro subiu en todos os sectores: servizos (+12 425), industria (+2176), construción (+1915), sector primario (+6520) e colectivo sen emprego anterior (+197). O incremento foi maior entre os homes (+9475, +12,5 %) ca entre as mulleres (+7673, +7,7 %); porén, a gran maioría da poboación en paro é feminina (56 de cada 100). Por idades, o desemprego medrou en todos os segmentos, de xeito especial entre as persoas menores de 25 anos (+12,6 %), mentres que aumentou un +9,1 % nas que superan esa idade.

Escasa contratación

A paralización da actividade económica reflíctese no «ínfimo» número de contratos rexistrados, que caen un –57,30 % no mes de abril, situación que afectou tanto a contratos temporais como indefinidos. O retroceso da actividade en Galicia é moi superior ao experimentado no conxunto do Estado, onde se retrae un –46,43 %. En abril rexistráronse tan só 23 874 contratos, un volume «descoñecido» ata o momento; destes, a gran maioría (89,1 %) temporais, fronte a só o 10,9 % indefinidos.

Prestacións

En marzo —último dato dispoñible— había 104 024 persoas en paro cobrando algún tipo de prestación, das cales 52 372 son prestacións asistenciais e 51 652 prestacións contributivas. O 58 % das persoas desempregadas que traballaron con anterioridade teñen cobertura por desemprego.

Afiliación á Seguridade Social

No mes de abril, Galicia perdeu 27 854 empregos respecto do mes de marzo. A afiliación caeu en datos medios mensuais un –2,8 % ata situar o número de persoas afiliadas en 974 770. O groso da perda de afiliación concentrouse no réxime xeral (–25 000), seguido a gran distancia polo dos autónomos (–1626), o do mar (654), o sistema especial do fogar (–624) e o sistema especial agrario (–100). No que vai de ano, a afiliación á Seguridade Social reduciuse en Galicia en –45 000 persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.