A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebra o vindeiro domingo

A festa está declarada de interese turístico de Galicia e, como tal, pode acceder a unha axuda do Goberno galego de 7.500 euros

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XIX edición da Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebrará o vindeiro domingo día 12. No acto participaron o delegado territorial, José Manuel Balseiro; o alcalde do concello, Julio Álvarez; o deputado provincial Eduardo Vidal e o concelleiro José Luís Rivera.

Os participantes coincidiron en sinalar que a produción de aceite é unha aposta de futuro para a dinamización socioeconómica de Quiroga, onde se conservan dúas variedades autóctonas de oliva únicas no mundo, a brava e a mansa, que logran un produto de calidade excelente.

A mostra quere difundir este produto e facer honor á súa historia, xa que o cultivo dos olivos ten unha tradición centenaria no municipio. Está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e, como tal, pode recibir da Xunta unha achega económica de 7.500 euros -6.000 euros de axuda directa e 1.500 euros a través dun convenio da Consellería de Cultura e Turismo con Abanca-.

O principal atractivo da festa é a demostración da forma tradicional de elaboración do aceite nunha almazara romana, o muíño de Bendilló, datado entre os séculos I e II da nosa era. Está situado a escasos metros da estrada N-120, na pista que conduce á aldea do mesmo nome, e forma un interesante conxunto arquitectónico xunto coa capela de San Xoán das Farrapas.

Na feira hai tamén outros produtos de alimentación e artesanía típicos da bisbarra, e unha cata de aceites comentada por persoal especializado. Ademais, os visitantes terán a oportunidade de admirar a paisaxe do primeiro Xeoparque Mundial recoñecido pola Unesco en Galicia, segundo se reiterou na presentación.

Os actos comezarán ás 11,30 horas coa posta en funcionamento do muíño, e a demostración continuará durante todo o día. Como prólogo á mostra, mañá venres ás 19,00 horas, haberá unha cata dos aceites inscritos no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM