A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou as alumnas e os alumnos que hoxe comezan o período lectivo no CEIP García Barbón e no CEIP San Salvador de Teis

Nos centros vigueses están matriculados 23.692 escolares, segundo os datos provisionais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou as alumnas e os alumnos que hoxe comezan o período lectivo no CEIP García Barbón e no CEIP San Salvador de Teis

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, acompañou está mañá o alumnado do CEIP García Barbón e o CEIP San Salvador de Teis no inicio do novo curso 2019/20, que arrinca hoxe nos ciclos de infantil, primaria e educación especial. Segundo as estimacións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nos centros vigueses están matriculadas 23.692 alumnas e alumnos que hoxe comezan o período lectivo.

En todos eles realizou un percorrido polas aulas, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, César Pérez Ares, e a dirección dos centros, e puido intercambiar impresións co alumnado sobre como afrontan este novo ano escolar. No caso do CEIP San Salvador de Teis, Corina Porro aproveitou tamén para visitar as obras realizadas recentemente neste centro, no que se procedeu á reposición do muro de contención, tendo en conta o estado de deterioro do mesmo.

Así, executouse a demolición na zona que presentaba esborralles acusados, gretas e fisuras, nun tramo de 100 metros de lonxitude na zona de acceso exterior á edificación, e o seu levantamento posterior. Actuacións que implicaron ao tempo traballos de recheos e drenaxes, saneado do muro a conservar e a reposición de pavimentos afectados, instalacións e peches metálicos. En total o custe dos traballos foi de 129.877,32.

“Estamos a falar dun importante volume de recursos públicos destinados a un área que é prioritaria para este goberno, a educativa, e que vén a confirmar o compromiso da Xunta de Galicia con Vigo”, sinalou. Un compromiso que, a delegada territorial, exemplificou nos 22 millóns destinados desde o 2009 só en obras aos distintos centros

vigueses e que converten a Vigo no concello de Galicia con maior investimento neste ámbito.

Neste senso, a delegada territorial recordou que o Goberno galego, a través da Consellería de Educación Universidade e Formación Profesional, ten activadas inversións por valor de 1,6 millóns de euros en obras e reformas de 16 centros educativos de primaria e secundaria en Vigo. A máis relevante, sinalou, a rehabilitación integral do CEIP García Barbón por un importe que supera os 752.000 euros.

Segundo detallou, trátase de obras recentemente rematadas como son o caso do CEIP Santa Mariña (120.816,43 euros) e CEIP San Salvador de Teis (129.877,32 euros), CEIP Ramón y Cajal (18.000 euros), CEIP Vicente Risco (45.000 euros), CEIP Párroco Don Camilo (60.000 euros), CEIP Otero Pedrayo (60.000 euros) e o IES Carlos Casares (33.313 euros).

Actuacións ás que hai que sumar, dixo, os cambios de fontanería que se acometerán nos vindeiros meses en outros cinco centros vigueses, e que superan os 180.000 euros. Trátase do CEIP Carballal Cabral, CEIP Mosteiro Bembrive, CEIP A Paz Tintureira, CEIP O Pombal e CEIP San Salvador de Teis.

Asemade, a representante autonómica insistiu no inminente inicio do cambio da cuberta no IES Politécnico cun investimento que acada os 147.177,58 euros; a reconstrución do muro do CEIP Lope de Vega (20.000 euros) e os aseos infantís no CEIP Josefa Alonso de Alonso (23.225,33 euros). En resumo, dixo Corina Porro, 1,6 millóns de euros en obras e reformas coincidindo co período non lectivo, de xeito que a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade estarán rematadas no comezo do curso.

Programas educativos

A delegada fixo fincapé en que o investimento educativo da Xunta de Galicia na cidade de Vigo vai moito máis aló das obras. Neste sentido explicou que, por exemplo, este curso se incorporan ao proxecto de libro dixital E-Dixgal (que é totalmente gratuíto para as familias) un total de 6 centros de ensino (CEIP Virxe do Rocío , CEIP Santa Mariña, CEIP Valle Inclán, CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, CPR Plurilingüe Atalaya – Cantabria e IES República Oriental do Uruguai). Desta forma, participan xa nesta iniciativa un total de 15 centros da cidade da oliveira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.