A DEPO é a administración de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos

Segundo datos do Ministerio de Facenda, sendo aínda ministro Montoro, a Deputación de Pontevedra destina o 28,6% do seu orzamento aos concellos mentres a media estatal se sitúa no 0,9%.
Por o 16/11/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
A DEPO é a administración de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá datos do Ministerio de Facenda que poñen en evidencia que a institución pontevedresa é a administración provincial de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos. En concreto, o 28,6% do orzamento da Deputación de Pontevedra son transferencias directas aos concellos mentres que a media do Estado sitúase no 0,9%. “E estes son os datos oficiais, os verdadeiros, os reais e non os queixiños que ensina o PP que son mentira, que se corresponden con datos manipulados”, asegurou Silva.

Segundo as cifras que manexa o Ministerio de Facenda, recollidas sendo aínda ministro Montoro, mentres a Deputación de Pontevedra transfire o 28,6% do seu orzamento aos concellos a de Ourense, por exemplo, soamente o 0,06%. “Os datos son escandalosos, ¿algún deputado do PP ten algo que dicir?”, manifestou a presidenta.

Silva tamén comparou o nivel de transferencia da Deputación de Pontevedra con outras deputacións españolas gobernadas polo PP. “Somos xente rigorosa, e se temos en conta outras deputacións de España gobernadas polo PP os datos seguen a ser escandalosos: a de Valladolid transfire 14,5 puntos menos que a de Pontevedra, Zamora 22,45 menos ca nós, e moito máis por debaixo sitúanse as deputacións de Málaga, Segovia, Almería, León, Cuenca, Ourense e Guadalajara”, asegurou a presidenta. “Somos polo tanto a administración máis democrática, a que máis transferencias fai directamente aos concellos mentres, pola contra, as do PP son as que fan menos transferencias con criterios obxectivos aos concellos”.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación resumiu os fondos que o organismo provincial achegou aos concellos entre os anos 2016 e 2019 correspondentes aos plans Concellos, PICEI, DepoRemse e de Reequilibrio.

Ao longo deste tempo os concellos gobernados polo PP recibiron o 41,9% dos recursos, os gobernados polo PSdeG o 29,9%, polo BNG o 15,3% e por grupos políticos independentes o 12,9%. “Nestes anos e tendo en conta soamente estes plans os concellos gobernados polo PP recibiron 81,3 millóns de euros, os gobernados polo PSdeG 58 millóns, polo BNG 29,6 e por independentes 24,9 millóns de euros”.

Neste eido, a presidenta da Deputación enxalzou o respecto á autonomía local do goberno provincial. “Esta é a verdadeira democracia en estado puro, que os recursos se transfiran aos concellos respectando a súa autonomía, para que poidan desenvolver o que decidan”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.