A DEPO subvencionará aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para que contraten 40 mestras e mestres composteiros

O vicepresidente Mosquera explicou que este paso é “decisivo e irreversible” para que o plan de compostaxe non teña volta atrás na provincia.
Por o 18/04/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra
A DEPO subvencionará aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para que contraten 40 mestras e mestres composteiros

A Deputación de Pontevedra vai subvencionar aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para que no período 2018-2020 contraten un total de 40 mestras e mestres composteiros no seus planteis municipais para a xestión dos residuos orgánicos baseada na compostaxe. O vicepresidente César Mosquera indicou que “este é un paso decisivo e irreversible polo que o plan de compostaxe non vai ter volta atrás na provincia”, ao tempo que indicou que entre o persoal propio do Plan Revitaliza e os traballadores e traballadoras dos concellos sumaranse preto dun cento de persoas empregadas no campo da compostaxe.

A intención, segundo dixo Mosquera, é crear unha bolsa de emprego que poderá star composta por un amplo número de aspirantes, se ben soamente estarán operativos ou traballando ata un máximo de 40 persoas ao mesmo tempo para dar cobertura ás necesidades de persoal municipal a medida que se vaian producindo.

Para isto, os concellos que soliciten as axudas recibirán un número máximo de traballadores (entre un e catro) que se determinará en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio e das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan.

Poderán ter ata un máximo de catro traballadores os concellos maiores de 20.001 habitantes (Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vilagarcía); tres traballares os concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes (Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, Moaña, Porriño, Sanxenxo, Tomiño e Tui); dous traballadores os concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes (Caldas de Reis, Pontecaldelas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa); e un traballador os concellos de poboación de ata 5.000 habitantes (Barro, Campolameiro, Catoira, Cuntis, Illa de Arousa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia e Rodeiro).

Os concellos terán de prazo para presentar as solicitudes dous meses a contar desde o día seguinte ao da publicación das bases -que se aprobarán mañá en Xunta de Goberno provincial- no Boletín Oficial da Provincia. Segundo subliñou Mosquera “sabemos que o persoal é a clave do bo funcionamento do sistema. Pode haber incidencias nos centros de compostaxe, e nós o que queremos é aportar o persoal para resolvelas de maneira eficaz e solvente, como aconteceu ata o de agora, por iso a Deputación fai o esforzo económico”, subliñou.

Duplicar os composteiros comunitarios

Ademais de anunciar as subvencións aos concellos para persoal, Mosquera tamén explicou que a Xunta de Goberno de mañá xoves aprobará a adxudicación de 400 unidades modulares para crear centros de compostaxe comunitarios. “Imos duplicar o número de centros que existen na provincia. Agora mesmo hai 62 centros instalados ademais dos que xa ten Pontevedra e outros”, explicou.

O vicepresidente sinalou que hai demanda dos concellos adheridos ao Revitaliza para colocar os centros tanto por primeira vez como para ampliar os que xa existen.

“Prevemos que en pouco tempo estas unidades esgotaranse, polo que teremos que ver se mercamos máis. Haberá que velo en función de que se poidan atender e que os concellos poidan facer as bases para instalalos”, dixo.

Por outra parte tamén se adxudicarán os 1.500 composteiros individuais de exterior que se distribuirán na provincia. Mosquera destacou que se trata da primeira vez que a Deputación reparte estes composteiros debido a que xa estaban “relativamente extendidos”, aínda que non xestionados de xeito óptimo. “Nós apostamos por traballar nos comunitarios primeiro, e agora que xa van ben, tamén entramos nestes, pero con dotacións mellores das que aportaban os concellos e Sogama”, explicou.

Destacou, así, que a cada cidadá ao que se lle asigne un composteiro individual, a Deputación tamén aportará un aireador e un termómetro, co fin de dar facilidades para o control do proceso. “Aportamos ferramenta deseñada especialmente para a compostaxe. Ademais haberá visitas aos domiciliosde persoal técnico e correos electrónicos e teléfonos a disposición para calquera dúbida”, dixo o nacionalista, quen destacou que no Plan Revitaliza sempre houbo unha liña vermella: “que a compostaxe ten que facerse baixo control de persoal cualificado, por iso poñemos todos os medios para obter compost de calidade”.

Finalmente, o vicepresidente Mosquera fixo referencia a que a normativa europea estase a endurecer e que en 2013 será obrigatorio que a recollida dos residuos orgánicos se realice de xeito separado ao resto das fraccións. “Aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza, afortunadamente, cólleos ben colocados. De feito están a seguir a nosa experiencia dende moitos lugares de Europa”, dixo.

Sobreaportación en Pontevedra

Mosquera tamén quixo apuntar dúas conclusións do traballo que se está a facer en compostaxe dende a Deputación. A primeira é que “temos a prudencia e humildade de escoitar e aprender de xente cualificada”, en relación aos técnicos que hoxe compareceron en rolda de prensa chegados de Cataluña e País Vasco e aos demais participantes como profesores na Facultade da Compostaxe.

Unha segunda conclusión que é que a “suposta oposición” aos centros de compostaxe na cidade de Pontevedra non é tal, xa que algunha das persoas que está aparecendo publicamente como portavoz da oposición aos centros de compostaxe ten asinado o seu compromiso de aportar os seus residuos orgánicos aos composteiros e estaos levando a compostar na práctica.

“Os últimos centros de compostaxe instalados en Pontevedra están a funcionar cun ritmo que roza a sobreaportación. Se seguen así probablemente haberá que poñer máis ou pechalos. Ese é o mellor índice da participación e da aceptación da xente”, finalizou.

Pola súa banda, o responsable técnico do Plan Revitaliza, Carlos Pérez, quixo insistir en que “o foco de atención europeo en compostaxe comunitario” está en Pontevedra nestes momentos, porque se está a traballar cun modus operandi que ata o de agora non existía en ningún país e que, polo tanto, non está aínda normativizado.

Subliñou, así mesmo, que se están a producir uns ratios de aportación de residuos orgánicos aos centros de compostaxe e participación cidadá “asombrosos incluso para persoas coma min que levo nisto dende o ano 92” nos composteiros de Pontevedra. “ Hai cidadanía que protesta, pero que aporta asombrosamente. De feito, se extrapolamos o número de carteis contra os composteiros, sería imposible a aportación que hai na zona de Eduardo Pondal. Ou hai xeración de residuos ‘ex nihilo’, ou aportación do exterior ou algo non se comprende”, manifestou.

Por último, animou á cidadanía a coñecer a compostaxe ‘en directo’, visitar os centros de compostaxe e comprobar e confirmar que non dan ningún problema.