A DEPO visibiliza a contribución das mulleres do mundo do mar con “Elas son a forza do nadal”

Publicado por o día 20/12/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Social

A DEPO visibiliza a contribución das mulleres do mundo do mar con “Elas son a forza do nadal”

“O que non se nomea, non existe e polo tanto poñerlle rostros e nomes á actividade do mar, que realizan as mulleres, é fundamental” destacou Carmela Silva na presentación da campaña “Elas son a forza do Nadal”. A iniciativa, que impulsa a Deputación con ANMUPESCA (Asociación Nacional de Mulleres da Pesca), pretende visibilizar a contribución das mulleres “a un sector tan estratéxico na provincia de Pontevedra como é o mar”. Deste xeito Silva, acompañada da deputada de Igualdade Isaura Abelairas e xunto á presidenta de ANMUPESCA Rita Míguez, á mariscadora a pé de Arcade e integrante da Xunta Xeral da Confraría de Arcade María Jesús Vilas, á presidenta da Agrupación de mariscadoras a pé da Confrafía de Pontevedra Marina Buceta, á presidenta da Asociación de Redeiras O Cerco de Cangas Pilar Nogueira e á redeira da mesma asociación Sonia Viéitez, deron a coñecer a campaña na que “poñemos rostro e damos voz a todas as grandes mulleres do mar”.

A presidenta da Deputación enxalzou o traballo que desenvolven as mulleres do mar. “Trátase dun traballo moi duro e é unha obriga estar ao lado destas mulleres que teñen un papel fundamental no mundo do mar. Por iso eu reclamo e seguirei reclamando que estean nas entidades organizadas do mundo do mar, que teñan moito máis peso nas confrarías. Somos a metade da poboación e temos que estar en todos os órganos de dirección, por iso non podo entender que se cuestione isto, porque é o xusto”, reclamou Silva.

Para a presidenta a campaña “Elas son a forza do Nadal” impulsada en colaboración con ANMUPESCA trátase dunha acción “persoal, sensitiva e xusta” que pon en valor ás mulleres do mar e lles fai un recoñecemento porque “todo o que chega ás nosas mesas no Nadal é produto do traballo desenvolvido por elas, as verdadeiras artífices desta complexa engranaxe que comeza na ribeira e remata nunha boa cea de Nadal na casa ou na mesa dun dos establecementos do excelente sector hostaleiro de Pontevedra que, precisamente, é excelente porque elas poñen o produto”. Deste xeito, a campaña busca concienciar tamén ás persoas consumidoras de que as materias primas das Rías Baixas son froito dun traballo “moi esixente, moi físico e no que moitas mulleres se xogan ata a súa integridade física”.

Carmela Silva recordou o papel das mulleres do mar, “que coidan das nosas rías, que se encargan de que sexan sostibles, que respectan o medio ambiente porque é o sustento da súa actividade, que cultivan os excelentes moluscos que dan fama internacional á gastronomía de Rías Baixas, que comercializan o produto do mar, que son redeiras, que son produtoras, que son mulleres que saen en barco, que faenan no mar…”.

“Elas son a forza do Nadal”, que segue tamén a liña do proxecto “Sustentabilidade en feminino” que está a impulsar a Deputación xunto á Universidade de Vigo, vaise ver na web e redes sociais da Deputación. Tamén en televisións locais, en mercados e establecementos de alimentación, en concellos, en centros educativos, “para que todas as persoas tomemos conciencia da importancia do que as mulleres aportan ao mar”, destacou Silva.

Pola súa banda Rita Míguez, presidenta de ANMUPESCA agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e a posta en marcha desta campaña “que pretende homenaxear e dicir á sociedade que detrás dun percebe, ameixa e do bo pescado que chegan ás mesas no Nadal hai mulleres traballadoras que loitan e traballan nun sector moi duro”. Neste eido, Míguez tamén reivindicou que “levamos moitos anos demandando a visibilidade das mulleres que estamos no sector da pesca. Somos moitas e temos presenza en toda a cadea de produción”.

A campaña, tal e como recordou a presidenta, complétase con outras accións que a Deputación de Pontevedra impulsou con motivo do Nadal, como “Este Nadal saborea Rías Baixas”, que ten como protagonistas ás produtoras e produtores locais, “Xoguetes sen estereotipos de xénero”, para a adquisición e uso de xogos e xoguetes igualitarios, e un “Nadal sostible”, na que se implicaron as persoas traballadoras da Deputación de Pontevedra para decorar as instalacións da institución con material de refugallo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.