A Deputación, á espera de que Fenosa retire dous transformadores para continuar as obras da nova glorieta da Brea en Marín

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os traballos deben estar rematados antes do outono

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten xa en marcha as obras da nova glorieta da Brea en Marín. Xa está realizada a ocupación de terreos e os primeiros movementos de terras e agora agárdase a que Fenosa retire os dous postes con transformador que quedan no medio da construción e a que o supervisor da compañía eléctrica dea o visto bo ás canalizacións previstas, o que se prevé teña lugar nos vindeiros días.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez a obra na Brea pretende mellorar a seguridade viaria e reordenar o tráfico e a mobilidade peonil na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín). O cruce das dúas estradas provinciais realízase nunha zona de conexión coa variante de Marín na que se xunta tanto o tráfico que vai ao núcleo de Marín e á zona de Seixo como ás praias do concello, e que se incrementa na temporada estival de xeito importante.

Esta actuación foi unha das primeiras que solicitou o Concello. A súa aprobación demorouse máis do inicialmente previsto debido a que nun primeiro momento a intención era construír unha rotonda de maior tamaño que precisaba dunha modificación do PXOM. Finalmente o Concello de Marín desistiu dese cambio no planeamento pola súa dificultade e solicitou ao Servizo de Mobilidade provincial unha modificación do proxecto para adaptalo ao ordenamento vixente. A nova glorieta é máis pequena e está desprazada con respecto á previsión.

O orzamento total, incluíndo a obra e mais os terreos, ascende a 122.833,49 euros e o prazo de execución é de seis meses, polo que a obra deberá estar rematada antes do outono se non se producen contratempos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM