A Deputación abre o praza para participar na ruta “Os viñedos do Castelo”

A iniciativa ofrece unha novidosa forma de achegarse ao Castelo de Soutomaior na que se combina historia cun percorrido polos viñedos, cata e espectáculo teatra
Publicado por o día 10/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación abre o praza para participar na ruta “Os viñedos do Castelo”

O goberno de Carmela Silva vén de lanzar “Os viñedos do Castelo”, unha novidosa iniciativa para achegarse ao Castelo de Soutomaior que combina historia cun percorrido polos viñedos, cata do caldo “Pedro Madruga” e espectáculo teatral a cargo de Rosso&Bianco. A actividade, cuxo prazo de inscrición abre hoxe mesmo a través de entradas.castelodesoutomaior.com, terá lugar os días 20, 21, 27 e 28 de agosto e 3 de setembro ás 19 horas e terá un aforo máximo limitado a 15 persoas.

A actividade “Os viñedos do Castelo” durará 90 minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que achegará a experiencia natural do percorrido. O obxectivo desta iniciativa impulsada polo goberno de Carmela Silva é promover o produto local e actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente, dando a coñecer ás persoas participantes experiencias a carón do patrimonio histórico e natural. Deste xeito, ao longo do traxecto explicaranse cuestións relativas ás orixes do viño, á DO Rías Baixas e as súas subzonas (destacando a de Soutomaior), así como sobre os tipos de uvas e o proceso da vendima.

Tralo percorrido pola senda dos viñedos, terá lugar unha cata do caldo “Pedro Madruga”, que sae das mesmas cepas do Castelo de Soutomaior e foi obtido da colleita de 2019 da man da adega “Quinta das Eiras”. Ademais, esta última parte de degustación estará amenizada por Rosso&Bianco (o dúo cómico formado por David Carrera e Alberto Antelo) e a súa peza teatral “Albariño Edition”, un monográfico sobre o viño albariño dende un punto de vista persoal, divertido e refrescante.

A actividade, cun prezo de 8 euros por persoa e para a que xa se pode formular a inscrición, está dirixida a persoas amantes do enoturismo, con interese en aprender e coñecer en que consiste o proceso de vendima nunha contorna natural privilexiada, a carón dun castelo medieval e dun xardín de Excelencia Internacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.