A Deputación acada no certame The Golden City Gate de Berlín un novo galardón internacional para o audiovisual “Fame de experiencias”

Despois do éxito obtido en FITUR e de ser finalista nos TV & Film Awards de New York Festivals, o audiovisual foi premiado no certame alemán e se proxectará a vindeira semana na feira turística líder a nivel mundial en Berlín
Publicado por o día 28/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación acada no certame The Golden City Gate de Berlín un novo galardón internacional para o audiovisual “Fame de experiencias”

A Deputación de Pontevedra vén de conseguir un novo recoñecemento internacional para “Fame de Experiencias”. O audiovisual da institución para a promoción do turismo gastronómico da provincia no ano 2019 sitouse entre os gañadores do certame The Golden City Gate de Berlín, como destacou hoxe a presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

Silva amosou a satisfacción da Deputación por este novo galardón, que se suma ao obtido na pasada edición da Feira FITUR ao Mellor Vídeo de Promoción Produto Turístico de España, e destacou que estes recoñecementos “amosan que temos un modelo diferente de promoción da nosa provincia que nos fai únicos e únicas, e amosan o gran talento que temos nesta provincia, que é unha referencia no ámbito das industrias culturais, que xeran moitísima actividade económica e moitísimos empregos”.

Neste senso, a presidenta volveu recoñecer o traballo de Esmerarte Industrias Creativas, que realizou o audiovisual, “unha empresa asentada na provincia con compromiso co territorio” e que “segue a sorprender cada ano” cos seus traballos, como o audiovisual turístico realizado tamén para a Deputación neste ano, “Sigue o teu instinto”. “Síntome moi orgullosa do traballo que facemos conxuntamente _apuntou Silva_. E quero felicitarvos porque competimos con calquera das industrias culturais non soamente en Galicia senón en España pero tamén a nivel internacional. Estes premios que estamos a recibir así o sinalan”.

Avanzou que a institución estará presente o 5 de marzo en Berlín para a entrega deste galardón, na vixésima edición destes premois, pero quixo subliñar así mesmo que o audiovisual vai ser proxectado a vindeira semana durante a celebración da Feira Internacional de Turismo ITB de Berlín, “que é a feira líder da industria turística mundial”.

“O noso vídeo vai estar entre os días 4 e 8 de marzo nesta grande feira, polo tanto, centos de miles de persoas van ver a nosa provincia neste evento”, anunciou.

Carmela Silva destacou que os premios Golden City Gate “se definen como a expresión creativa e innovadora da industria turística” e engadiu que as pezas presentadas a concurso “foron avaliadas por un xurado internacional formado por 45 profesionais relacionados co mundo do turismo nas áreas específicas do seu traballo, como márketing turístico, audiovisual, relacións públicas, publicidade, música, deseño, así como representantes de institucións públicas como cónsules e embaixadas”. “O xurado _sinalou_ avaliou os traballos presentados en función de criterios como a calidade de realización visual e sonora, o efecto emocional, o narrativo, o valor informativo sobre o destino, a creatividade e a innovación da proposta ou a súa afinidade co público obxectivo. E “Fame de Experiencias” cumpría con todas estas esixencias e moitas máis “.

Finalista en Nova York

A presidenta lembrou que a Deputación é finalista tamén con este audiovisual aos Premios de Televisión e Cinema dos Festivais de Nova York 2020, “do que a finais de marzo se darán a coñecer os gañadores”. “Nós xa nos sentimos gañadores soamente por estar nomeados”, apuntou. E augurou tamén un futuro de éxito para o audiovisual deste 2020, “Sigue o teu instinto”. “Creo que nos superamos, así que para o ano que vén estaremos de país en país recollendo premios, porque os nosos vídeos non deixan indiferente a ninguén”, adiantou.

Pola súa banda, Alberto Baamonde, de Esmerarte Producións, destacou que a idea de “Fame de Experiencias”, un audiovisual “case motivacional”, partiu de Laura Fontán, coa que dirixiu o proxecto. “Para nós é fácil traballar neste tipo de audiovisuais _apuntou_, porque temos unha materia prima exquisita, que é a provincia de Pontevedra. Este ano traballamos en ‘Sigue o teu instinto coa natureza’, o ano pasado en ‘Fame de Experiencias’ cos produtores e toda a cadea da gastronomía. E é moi fácil atopar temas, historias, imaxes, todo ese contido de valor no noso territorio. Case é sacar a cámara e atopamos todo o que se desexa ter nun vídeo”.

Subliñou tamén a motivación que supón traballar coa Deputación de Pontevedra e con Turismo Rías Baixas “sobre todo porque sempre nos din, arriscádevos, facer algo creativo, non vos conformedes, tentar sorprendernos; atopar esa motivación é difícil, normalmente se soe ir co freo de man pisado”. “Pero cando aflora toda a creatividade e temos esa materia prima diante _concluíu_, saen estes vídeos. Esperamos que este sexa o principio dun largo camiño internacional de ‘Fame de Experiencias’, de ‘Sigue o teu instinto’ o ano que vén, e de outros vídeos que fagamos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.