A Deputación achega aos concellos de xeito gratuíto a plataforma telemática para a celebración de plenos e xuntas de goberno

Publicado por o día 06/04/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Política

A Deputación achega aos concellos de xeito gratuíto a plataforma telemática para a celebración de plenos e xuntas de goberno

En menos de 24 horas desde a posta en marcha na Deputación de Pontevedra da Plataforma Informática para a celebración de Plenos e Xuntas de Goberno de xeito telemático, a institución fai extensible o seu sistema aos 53 concellos da provincia adheridos á administración electrónica.  O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria a través dunha ferramenta que habilita a Deputación de xeito totalmente gratuíto.

Esta nova ferramenta informática posta a disposición dos concellos estará habilitada na plataforma de administración electrónica e permitirá a celebración de sesións telemáticas dos órganos colexiados, así como reunións e plenos virtuais, mesas de contratación a distancia, así como traballo colaborativo entre persoal funcionario. Amais, o novo sistema, ao que se pode acceder a través de ordenadores e dispositivos móbiles, permite retransmisións en directo a través da propia sede electrónica ou plataformas nas redes sociais, garantindo unha maior transparencia.

Máis polo miúdo, os concellos que poderán desde agora celebrar as súas sesións de órganos colexiados de xeito telemático son: Poio, Tui, Cambados, O Rosal, Tomiño, Baiona, Vila de Cruces, Mos, A Cañiza, Bueu, Cangas, Redondela, A Estrada, Lalín, A Guarda, Salceda, O Porriño, Moaña, A Illa de Arousa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Ponteareas, Meaño, Gondomar, Salvaterra, O Grove, Silleda, Caldas, Valga, Vilaboa, Meis, Cuntis, Mondariz, Moraña, As Neves, Barro, Forcarei, Catoira, Portas, Pontecesures, Pazos, Oia, Arbo, Rodeiro, A Lama, Covelo, Agolada, Crecente, Campo Lameiro, Fornelos, Dozón, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.