A Deputación aproba as bases das Axudas Básicas de Emerxencia para os concellos de menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno aprobará este venres as bases do programa que ten un orzamento de medio millón de euros destinado a familias en risco de exclusión social
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación aproba as bases das Axudas Básicas de Emerxencia para os concellos de menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres as bases das axudas básicas de emerxencia para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que terán un orzamento de 465.000 €, dos que 365.000 € serán investidos en axudas ao gasto corrente e, os 100.000 € restantes, para investimento.

As axudas básicas de emerxencia, que os veciños e veciñas da provincia poden solicitar a través dos servizos sociais dos seus concellos, teñen a finalidade de dar apoio económico para poder atender ás necesidades urxentes e puntuais dos e das cidadáns que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.

As persoas beneficiarias destas axudas poderán empregalas para alimentación, uso de vivenda (pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda), pagamento de recibos (luz, auga, gas ou gasóleo), pagamento de produtos de hixiene e limpeza (lixivia, deterxente, xabón, desodorizante, hixiene feminina), pagamento de produtos farmacéuticos (prescritos por persoal facultativo), adquisición de electrodomésticos básicos (lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador…), pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pagamento de lentes e audiófonos e axudas de apoio á infancia.

O prazo para que os concellos poidan presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará nun mes trala publicación.