A Deputación aproveita as obras de substitución dun terraplén na estrada de Amil para a mellora da seguridade viaria

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, comprobou os resultados dos traballos, valorados en máis de 175.000€ e financiados integramente polo ente provincial
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación aproveita as obras de substitución dun terraplén na estrada de Amil para a mellora da seguridade viaria

As obras de estabilización dun terraplén na Estrada Provincial EP-0018, acometidas pola Deputación de Pontevedra en Amil (Moraña), carrexaron unha notable melloría na seguridade viaria da zona, facendo que a veciñanza dispoña dun mellor servizo e un axeitado tránsito peonil. Así o amosou o deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, que visitou os traballos, adxudicados por 175.378,39 euros á empresa Construcciones Castro Figueiro, S.L.U., xunto á alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro.

O obxectivo principal destas accións era reparar e estabilizar o deterioro producido no punto quilométrico 12+800 da vía que une Amil con Xeve. Entre os problemas producidos polo deterioro do terraplén sobresaía a fenda xurdida entre o bordo da beirarrúa exterior e o pavimento, así como o mal estado da barreira metálica existente neste tramo curvo. A solución que se considerou máis adecuada foi a substitución do terreo mobilizado por un novo terraplén, saneando o apoio e executando a creación dun socalco na base do mesmo. Ademais, creouse un muro de escollera no pé do noiro para garantir a sustentabilidade do recheo.

“Cremos que é unha obra necesaria que vén a resolver unha problemática nun punto moi concreto desta estrada, onde se fixo unha beirarrúa para garantir a seguridade dos peóns”, explicou o deputado provincial sobre a relevancia dos traballos. Deste modo, a alcaldesa de Moraña agradeceu á Deputación o investimento e a mellora da estrada pola importancia que ten. “Son obras moi custosas polo seu acceso, pero son obras moi necesarias”, explicou. Ademais, María Luisa Piñeiro engadiu que “é unha obra moi prioritaria para o concello, sobre todo nesta estrada de Amil, de moito tránsito para os veciños”.

Deste xeito, as obras non supuxeron a modificación do trazado da estrada, que se repuxo coa mesma planta e rasante, pero si que se cambiou a sección tipo. A estrada pasou de ter dous carrís de 3.5 metros, sen beiravías e con beirarrúas de 1-1.5 metros en ambas marxes a unha sección na que se mantivo o ancho de carril de 3.5 metros, pero, por cuestións xeométricas e de seguridade viaria, eliminouse a beirarrúa exterior (lado do terraplén) e ampliouse a interior (lado das vivendas), de forma que a anchura do espazo peonil pasou a 2.5 metros. Na zona de terraplén renovouse a barreira metálica e dispuxéronse unha beiravía de 0.5 metros e unha berma de 1.1 metros. Finalmente, fíxose unha hidro-sementeira na superficie do terraplén para previr escorrentas e repuxéronse os servizos afectados.

A rehabilitación da estrada EP-0018 é unha mostra máis da aposta que a Deputación de Pontevedra está a facer polo mantemento da rede provincial de estradas, que conta con 1.680 quilómetros. “A idea agora é continuar mellorando a seguridade peonil neste entorno con actuacións futuras”, asegurou Gregorio Agís.

Por último, o deputado de Infraestruturas sinalou o firme compromiso do ente provincial co concello de Moraña. Proba disto é o investimento que fixo a Deputación, que ascende a máis de 3,2 millóns de euros dende que Carmela Silva tomou posesión do cargo de presidenta da institución na primavera de 2015. Esta colaboración maniféstase expresamente cunha achega anual de preto de 475.000 euros do Plan Concellos, coa cal se levaron a cabo unha ducia de obras, fundamentalmente relacionadas coa pavimentación e mellora de vieiros municipais, pero tamén coa mellora no subministro de auga e mesmo coa recollida de lixo. Agís apuntou: “Estamos en conexión cos concellos para priorizar aquelas necesidades que consideramos máis importantes para cada entorno”.

A maiores, Moraña conseguiu a aprobación dun proxecto no marco da convocatoria do Plan de Reequilibiro, que significou o investimento de 885.000 euros no novo Centro Multiusos de Moraña, inaugurado o pasado mes de decembro unha vez que culminaron as obras de rehabilitación da antiga Praza de Abastos municipal, que estaba en desuso.