A Deputación asina un convenio co Colexio de Médicos para educar en saúde á veciñanza de 22 concellos da provincia

Carmela Silva puxo en valor “unha iniciativa que atende as novas necesidades do século e que terá continuidade porque moi cedo imos a estendelo aos 61 concellos da provincia”
Por o 05/06/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A Deputación asina un convenio co Colexio de Médicos para educar en saúde á veciñanza de 22 concellos da provincia
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente do Colexio Oficial de Médicos, Luís María Campos Villarino, para a posta en marcha dun proxecto piloto, consistente en accións formativas encamiñadas formar á cidadanía de 22 concellos da provincia na consecución dunha mellor educación para a saúde. Silva amosou a súa satisfacción por este convenio centrado “na saúde da cidadanía, un dereito fundamental de todas as persoas, e na demanda social de ter información e responder ás consecuencias dunha sociedade que ten cambiado moito neste século XXI”.

Máis polo miúdo, a través deste convenio vanse impartir accións formativas dirixidas á xuventude e ás persoas maiores. Deste xeito, tal e como informou a presidenta da Deputación, impartiranse 10 charlas centradas nas enfermidades de transmisión sexual e nutrición e trastornos alimentarios para a xuventude. En canto ás persoas maiores, ofreceranse cinco charlas sobre a hospitalización a domicilio e outras cinco sobre trastornos depresivos e de ansiedade. Amais, tamén se impartirán dúas accións dirixidas a entidades e asociacións de Vigo, sobre enfermidades raras e neurodexenerativas, e de Pontevedra, sobre trastornos depresivos e ansiedade.

Todas as accións formativas durarán unha hora e rematarán cun coloquio no que as persoas asistentes poderán formular as dúbidas que xurdan con respecto á temática da charla.

O presidente  do Colexio Oficial de Médicos, Luís María Campos Villarino, agradeceu á Deputación a súa “axuda e entusiasmo na posta en marcha desta iniciativa centrada no mantemento da saúde e benestar social da cidadanía”.