Unha vez rematado o Mundial de Piragüismo de Szeged (Hungría), a menos dun ano da celebración dos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, a Deputación de Pontevedra quere transmitir os seus parabéns ás e aos deportistas que participaron nesta competición internacional, especialmente a Teresa Portela, Rodrigo Germade e Pablo Graña, flamantes medallistas.
A canguesa Teresa Portela, lenda do deporte non só pontevedrés senón tamén nacional, conseguiu a medalla de bronce en K1-200 metros, logrando para España a clasificación olímpica. De confirmarse a lóxica presencia de Teresa Portela nos Xogos Olímpicos do vindeiro ano converterase na primeira muller española en participar en seis citas olímpicas, igualando ao waterpolista Manel Estiarte e ao xinete Luis Álvarez de Cervera, con sete só está o marchador Chuso García Bragado. A Deputación de Pontevedra honrase de contar na súa provincia cunha figura tan destacada como a de Teresa Portela, que con este bronce xa suma 15 medallas mundialistas e 17 europeas.
Se Teresa Portela fixo historia cunha nova medalla mundial aos seus 37 anos, a promesa canguesa Pablo Graña, de só 20 anos, proclamouse campión do mundo en C-2 200 metros (distancia non olímpica) xunto ao madrileño Alberto Pedrero. A dupla na que participaba o canoísta do Naútico de Rodeira cruzou a meta por diante dos polacos Michal Marek Lubniewski e Arsen Sliwinski.
Por último, Rodrigo Germade subiuse ao segundo posto do podio xunto ao betanceiro Carlos Árevalo e aos medallistas olímpicos Saúl Craviotto e Marcus Cooper. O piragüista cangués, integrante do K-4 500 metros, conseguiu asegurarse para España a clasificación olímpica, así, deste xeito, podería participar nunha cita olímpica por segunda vez, xa que foi quinto en Río de Xaneiro 2016.
Tanto Teresa Portela como Pablo Graña e Rodrigo Germade teñen recoñecida a categoría DEPO-DAN da Deputación de Pontevedra como deportistas de alto nivel. Esta nova marca de alto rendemento deportivo conta con 116 deportistas na categoría DEPO-DAN, ás e aos que se suman 74 en DEPO-PROMESA, e conta cun total de 200.000 euros que destínanse a apoiar e posibilitar a súa participación nas competicións internacionais e nacionais para o ano 2019 e así axudarlles na consecución dos logros que lles permitan acadar a súas futuras metas deportivas.
A Deputación de Pontevedra, amais de felicitar ás e aos seus deportistas polos éxitos acadados tamén quere subliñar que a provincia de Pontevedra é unha referencia mundial no piragüismo, tal e como evidencian os resultados deste Mundial e tal e como mostran as e os 49 deportistas que teñen recoñecida a categoría DEPO-DAN.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.