A Deputación concede 20.000 euros a Bueu para redactar un Plan de mobilidade sustentable

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o documento permitirá mellorar a rede de estradas e espazos públicos e incluso optar a fondos europeos
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Bueu,Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación concede 20.000 euros a Bueu para redactar un Plan de mobilidade sustentable

Bueu contará cun Plan de mobilidade sustentable (PMS) para planificar melloras na súa rede de estradas e espazos públicos, optimizar recursos e actuacións nas infraestruturas viarias, e incluso acceder a fondos europeos de mobilidade. A Deputación de Pontevedra, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, comunicou hoxe ao concello a concesión dunha subvención de 20.000 euros para a redacción do documento.

A axuda provincial ao Concello de Bueu foi estimada logo de varios trámites e recursos. A agora o Goberno local deberá contratar e presentar o seu PMS nun prazo de 12 meses, para logo ser valorado polo persoal técnico do Departamento provincial de Mobilidade. Deste xeito, Bueu pasa a formar parte do grupo de 41 concellos de menos de 50.000 habitantes que se repartiron un importe de 570.000 euros na convocatoria de subvencións da Deputación para fomentar a mobilidade sustentable.

O PMS deberá ser cofinanciado por parte do concello cun 25 % (sendo o montante total de máis de 26.000 euros), e aprobado en Pleno para garantir a súa executabilidade, xa que a intención é que sexa un documento operativo de planificación. Segundo manifesta o deputado Uxío Benítez, o obxectivo será modificar a mobilidade urbana na vila promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana “para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía”, seguindo a liña de mobilidade sustentable que promoveu o novo Goberno da Deputación desde a súa chegada coa Estratexia 3.0, e que se promoven estes días coa Semana Europea da Mobilidade Sustentable.

A consultora contratada polo Concello para redactar o PMS deberá realizar unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e medio ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás.

Ademais, deberá identificar problemas e retos, con propostas e obxectivos específicos, entre os que destacan as medidas de fomento dos desprazamentos en modos non motorizados (con peonalizacións, creación de sendas peonís, carrís bici…) e medidas de reordenación e mellora do transporte público, de xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, medioambientais e de protección e de fomento en centros atractivos de actividade.

Finalmente, o PMS deberá concretar un plan de implantación cun cronograma orzamentado con proxectos de obras que poderán ser financiadas tanto por fondos municipais, provinciais, autonómicos, estatais como fondos europeos. En concreto, a liña de subvención para a redacción de plans de mobilidade da Deputación esixe que se recolla de forma clara a priorización de actuacións e a metodoloxía proposta para executalas, facilitando a xestión aos responsables municipais.