A Deputación constrúe unha senda peonil en Covelo e transforma a estrada provincial 5105 Maceira-A Graña nun espazo seguro

A actuación, cun orzamento de 226.240,11 euros, está enmarcada no modelo de mobilidade segura e sustentable que o Goberno de Carmela Silva está a desenvolver nas vías provinciais
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación constrúe unha senda peonil en Covelo e transforma a estrada provincial 5105 Maceira-A Graña nun espazo seguro

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria e construción dunha senda peonil na EP 5105 de Maceira á Graña, no concello de Covelo. Esta actuación, cun orzamento de 226.240,11 euros, enmárcase no modelo de mobilidade segura e sustentable que a Deputación está a desenvolver nas vías provinciais para converter ás vilas e cidades da provincia en contornas urbanas do século XXI, nas que as persoas cobran protagonismo e gozan de preferencia sobre os vehículos.

Os traballos consistiron na execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho paralela ao actual trazado da estrada provincial. A senda está separada da calzada a través de marcas viarias continuas e elementos retroreflectantes, e no seu tramo final conta cunha plataforma de convivencia para os peóns e peoas. Ademais, ao paso sobre un regato nun espazo natural foi necesaria a execución dunha pasarela de madeira paralela á actual estrutura de formigón. A actuación completouse coa mellora de firmes e a instalación de novos pasos de peóns e redutores de velocidade.

Covelo está a recibir un notorio apoio da Deputación en obras da máxima calidade. A semana pasada, o deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitou as obras executadas no marco do Plan de Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) no concello de Covelo. Unha actuación que, valorada en 91.323,46 euros, dotou dunha contorna segura a sete camiños rurais, boa parte deles asociados a espazos de centralidade para a veciñanza.

O Concello de Covelo ten recibido un investimento total da Deputación de Pontevedra dende o ano 2015 de 4.560.470 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 453.809,18 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 31 obras; financiar 34 actividades

socioculturais propias e contratar a 95 traballadores con cargo ao Plan Concellos. A maiores, Covelo beneficiouse das adxudicacións das obras da praza de Barciademera con cargo ao Plan de Reequilibrio (287.407 euros) e unha mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.

Comentar noticia

Your email address will not be published.