A Deputación crea a rede de ‘Concellos Ágora’ polo espazo público para multiplicar o espazo destinado ás persoas nas vilas da provincia de cara a 2023

Animouse aos gobernos locais a aproveitar o momento e realizar actuacións para priorizar ás persoas sobre os coches que xa están nos Plans de Mobilidade “pero que hai 3 meses eran impensables”
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Coronavirus,Deputación de Pontevedra

A Deputación crea a rede de ‘Concellos Ágora’ polo espazo público para multiplicar o espazo destinado ás persoas nas vilas da provincia de cara a 2023

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, presentou hoxe aos concellos da provincia a rede de ‘Concellos Ágora’ polo espazo público. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que se trata dunha rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 “de forma concreta e plasmable en números”.

Benítez salientou que no anterior mandato a Deputación realizou un cambio de modelo cun “xiro absoluto” nas estradas provinciais (co Plan Móvese, a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable…) e destacou que agora a intención é implantar ese modelo nas actuacións propias dos concellos. Subliñou que a adhesión á rede será voluntaria e que dende a Deputación se traballará cos municipios que demostren verdadeiro interese, como acontece xa co Plan Revitaliza no seu ámbito.

A inclusión na ‘Rede Ágora’ suporá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes ‘Cidades que Camiñan’ e ‘Cidades pola Bicicleta’), a participación en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos.

Algunhas das iniciativas previstas son a creación dun Consello Asesor participado por profesionais de recoñecido prestixio, a realización de liñas de subvencións para proxectos de recuperación do espazo público, a creación dunha ‘Facultade Ágora’ para formación de persoal técnico, unha mesa de traballo,  así como a celebración dun Congreso Internacional e os Premios Ágora ás mellores intervencións no espazo público da provincia.

Os compromisos que se solicitan aos concellos para participar desta rede, segundo explicou Benítez, pasan por aumentar os espazos públicos destinados ás persoas, cumprir os Principios Ágora en todos os proxectos e obras que se poñan en marcha, elaborar un PMUS, efectuar as achegas que se determinen ás axudas da Deputación, así como designar un representante político e outro técnico.

O decálogo de Principios Ágora susténtanse no argumentario que xa viña defendendo a Deputación durante os últimos anos, sempre aliñados tamén cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable establecidos pola ONU e a Axenda 2030: O espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, mobilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica e de proximidade e mobilidade sustentable.

Actuacións urxentes pola COVID-19

Ademais da proposta de longo percorrido de Ágora, a Deputación tamén se puxo hoxe a disposición dos concellos da provincia no asesoramento técnico con motivo da necesaria e urxente recuperación do espazo público para garantir o afastamento físico obrigado pola crise sanitaria. O nacionalista puxo de manifesto que é preciso diferenciar a distancia física de seguridade do concepto distancia social. Segundo asegurou, é fundamental que as medidas que se tomen ao realizar obras no espazo público garantan as distancias físicas, pero minimicen o impacto nas relacións sociais, promovendo o comercio de proximidade e a interacción entre a cidadanía sempre con marxes de seguridade.

Para falar deste aspecto, participou na reunión coas alcaldesas e alcaldes o arquitecto do estudo Rurban Martín Barreiro, quen explicou algúns exemplo de medidas de actuación inmediata realizadas no mundo e propostas útiles para os concellos. Barreiro destacou que as intervencións que se realicen nestes momentos non por seren lixeiras deben ser improvisadas. Destacou, de feito, que os concellos que dispoñen de Plans de Mobilidade Sustentable teñen unha oportunidade de poñer en práctica intervencións de redución de espazo para os coches que hai tres meses serían impensables, xa que agora serán ben asumidas pola cidadanía.

Barreiro lembrou que o propio BOE fala da obrigatoriedade de fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta, e que o incremento de espazos para as terrazas debe supoñer un incremento proporcional para as persoas. Por este motivo, avogou pola necesaria redistribución e subliñou que “do único que se pode rañar” é do espazo que ocupan os coches, ben circulando ou estacionados.

Por outra banda, salientou que non se debe substituír o tránsito de vehículos polo tránsito de persoas, senón que é importante garantir que no espazo se dan máis funcións: a do comercio (colas de persoas), os servizos , ocio e lecer, socialización, deporte, xogos na rúa, autonomía ou inclusión. “Temos que facer itinerarios agradables polo centro das vilas da provincia, fomentar que os paseos se poidan converter nunha parada nunha terraza ou nun comercio, e que os recados se poidan converter tamén nun paseo. Hai que buscar estratexias para facer camiñables e seguras as vilas”, destacou.

Referencia na forma de entender o territorio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na presentación que esta iniciativa (Ágora) vai converter á provincia pontevedresa “unha vez máis nunha referencia nas formas de entender o territorio e na resposta ás novas decisións que haberá que tomar a nivel económico trala crise sanitaria, especialmente en sectores como o turismo e o comercio”. Deste xeito, a nova rede “compre moitos dos obxectivos que temos que ter enriba da mesa para configurar unha provincia territorialmente apetecible a todos os niveis”. “No caso do turismo o espazo público _subliñou_ vai xogar un papel fundamental para ser un destino atractivo, a fin de que as persoas veñan á nosa provincia. E tamén o comercio de proximidade, porque o espazo público o facilita con seguridade. O nome elixido non pode ser mellor, porque a idea é a ágora, pero tamén agora, cunha mirada de corto pero tamén de medio prazo”.

Silva manifestou que a crise sanitaria puxo enriba da mesa “unha foto clarísima de como as nosas vilas non estaba adaptadas a situacións excepcionais como as que xerou”, polo que  neste momento “necesitamos decisións que permitan vilas amables onde a xente poida facer o máis democrático que existe, apropiarse do que sempre foi noso, o espazo público; algo que xa sabiamos imprescindible, que moitos concellos levan poñendo en marcha dende hai tempo e que a Deputación estableceu como liña prioritaria hai cinco anos”. Neste senso, insistiu en que “temos que aprender” sobre todas as iniciativas que converten estes espazos en lugares “máis amables”, e que permitan “responder doutras formas ás necesidades”.

Tamén neste sentido falou o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que a contorna da maioría de cidades e vilas non é axeitada nin segura para as persoas e as crianzas e que hai que actuar seguindo modelos claros. Insistiu en que propostas como ‘Ágora’, xunto con outras iniciativas de seguranza viaria do goberno da Deputación, están a conformar unha “marca” da provincia “de grande valor”.

En canto ás propostas presentadas aos concellos para recuperar espazos con motivo da COVID-19 indicou que son de grande calidade técnica, polo que instou aos concellos a aproveitar o asesoramento facilitado pola Deputación. “Fúxase de trapalladas. Hoxe hai moito saber facer. Aprovéitese!”.

Por outra banda, manifestou a necesidade de que os gastos que os concellos realicen en obras de recuperación efémera do espazo público deben ser considerados como “gastos de emerxencia” no mesmo nivel que a compra de mascariñas ou xeles hidroalcólicos. “Se é obrigado manter 2 metros de seguridade nestes momentos, as obras para poder conseguilo, tamén teñen que ir por procedementos administrativos urxentes”, subliñou. Así, afirmou que se trasladará ao Goberno central a proposta de que os gastos deste tipo de obras sexan considerados “gastos de emerxencia” a efectos orzamentarios.

Participaron no encontro os concellos de Mondariz-Balneario, Mondariz, Tui, Bueu, Tomiño, Arbo, Covelo, O Grove, Moaña, As Neves, Salceda, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, Vilagarcía, Valga, O Rosal, Poio, Campo Lameiro, Ponteareas, Meis, A Guarda, Portas, Baiona, Agolada, Moraña, Silleda, Ribadumia, Marín, Gondomar, Cangas, O Porriño, Redondela, A Cañiña, Soutomaior, Mos, Vila de Cruces, Cambados, Pontevedra, Sanxenxo, Salvaterra, e Cerdedo-Cotobade, así como persoal técnico e interesado, chegando a estar conectadas telemáticamente máis de 80 persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.