A Deputación crea unha Comisión Técnica para asesorar aos concellos cara a posta en marcha dun plan coordinado de acción local polo COVID-19

A iniciativa aprobouse no Comité de Seguimento da Covid19 coa unanimidade de todos os grupos e co respaldo do portavoz do PP Jorge Cubela
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de Coronavirus,Deputación de Pontevedra

A Deputación crea unha Comisión Técnica para asesorar aos concellos cara a posta en marcha dun plan coordinado de acción local polo COVID-19

Carmela Silva anunciou hoxe o acordo do Comité de Seguimento do COVID-19 para a creación por parte da Deputación de Pontevedra dunha Comisión Técnica para a Asistencia Municipal, que servirá para asesorar aos concellos nas dúbidas sobre competencias e actuacións a desenvolver na nova normalidade tralo COVID-19.

Esta Comisión, que xorde pola necesidade que os concellos, especialmente os 59 de menos de 50.000 habitantes, teñen “de apoio técnico para tomar decisións intelixentes”, constitúe o primeiro paso para a posta en marcha dun plan coordinado de acción local na provincia, impulsado pola Deputación trala crise. A presidenta subliñou que a iniciativa “é froito do acordo dos grupos, de feito aprobouse por unanimidade e co respaldo do voceiro da oposición, Jorge Cubela, e dará resposta ás demandas que moitas alcaldesas e alcaldes nos plantexaron tras as reunións mantidas”.

Deste xeito, a comisión, que é paritaria e reúne a sete funcionarios e sete funcionarias de alto nivel da Deputación, ofrecerá información aos concellos sobre os asuntos máis “relevantes” que trala crise do COVID “afectan a todas as políticas sociais e económicas”, desde os que se refiren á materia orzamentaria ou os relativos ás limitacións no acceso aos espazos públicos e o distanciamento social. Neste senso, subliñou a “especial importancia” que terá este novo órgano que desenvolverá dúas funcións esenciais. Dunha banda, asesorará aos concellos en aqueles ámbitos da súa xestión e competencia, garantindo a asistencia e a cooperación xurídica e técnica “en todas as cuestións vinculadas a xestión tanto ordinaria como extraordinaria provocada polo COVID19”. No marco desta primeira función crearase un espazo web no que periodicamente se subirán “todas as consultas feitas polos diferentes concellos  e as súas correspondentes respostas para que, dun xeito global, poidan ser usadas por outras entidades e se convertan en boas prácticas”.

“A comisión vai asesorar por exemplo _sinalou_ sobre como se poden facer as modificacións orzamentarias, que van ter que facer todos os concellos; sobre cales son as competencias en materia municipal que a lei lles permite e cales son as doutras administracións, para que poidamos pedirlles que as asuman con recursos. E cuestións que teñen que ver con liñas de subvencións, actuacións en cemiterios, limpeza viaria, limpeza de edificios públicos, desenvolvemento de feiras e mercados, lonxas ou comercio ambulante”. Tamén ofrecerá consello, engadiu, “sobre todo o que teña que ver con materia impositiva, o que lles permite ou non a lei” e cuestións relacionadas co uso do espazo público, “e como garantir o distanciamento social”. “Hai por exemplo viarios que teñen dous metros de ancho. Entón, como podemos cumprir que haxa ese distanciamento? _engadiu a presidenta_. Nós imos asesorar sobre eses temas, e as que teñen que ver con urbanismo, parques públicos, xardíns, nova organización de terrazas, de praias, na distribución de espazos de accesos e moitas máis cousas”.

“Un documento vivo”

A outra función esencial que terá a comisión será a elaboración “dun documento de carácter dinámico e vivo, en colaboración cos concellos, que recolla todas as medidas e estratexias que se realizarán en cada un dos ámbitos de competencia municipal que se poidan ver afectados polo COVID-19, tendo en conta que vai cambiar a normativa, as instrucións, ordes e recomendacións que se vaian ditando”. “Por tanto _manifestou Carmela Silva_ teremos que ir modificando ese documento para que poida ser usado polos concellos”. Neste senso, a presidenta explicou que aínda que a vixencia inicial da comisión é ata decembro deste 2020, “creo que vai quedar de forma estrutural”.

Coordinada polo responsable do Servizo de Asitencia Intermunicipal da Deputación, Gabriel Rodríguez Alonso, e co respaldo do secretario da corporación, a comisión a integra persoal dos servizos de Intervención, Recursos Humanos, Cooperación, Arquitectura, Riscos Laborais, Servizos Sociais, Infraestruturas, Mobilidade, Contratación, Revitaliza e I+D+I, Igualdade e o ORAL, que resolverá dúbidas sobre tributos, taxas e prezos públicos. Silva fixo extensivo o seu agradecemento a todos e todas as súas integrantes, “porque todos e todas aceptaron e este é un traballo engadido ao que xa teñen, que aumentou moi substancialmente polo COVID-19”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.