A Deputación cumpre novos compromisos coa Guarda coa remodelación dos accesos á pria do Muiño e a humanización das rúas Vigo e Celta

O proxecto medioambiental de Visit Miño en Camposancos responde á demanda histórica de rexeneración da zona ”onde as persoas e a natureza son agora o centro de todo”

“Son dúas actuacións que responden a demandas históricas da Guarda, que permiten reformular zonas estratéxicas polo seu interese turístico e medioambiental, no caso da praia do Muiño, e pola mellora de espazos públicos no caso da humanización do entorno das rúas Vigo e Celta”. Así resumiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva “os dous compromisos cumpridos da Deputación coa Guarda”, despois de coñecer xunto ao deputado e Director da AECT Uxío Benítez e o alcalde Antonio Lomba, o resultado das obras que supoñen un investimento total de 700.000 euros, e que responden ao modelo da institución de seguranza viaria, respecto medioambiental, recuperación da contorna, accesibilidade e prioridade peonil.

A presidenta inaugurou primeiro, xunto a Benítez, os novos accesos á praia do Muiño, en Camposancos, porta do espazo natural protexido do Esteiro, impulsado co proxecto “Visit Río Miño”, dentro das actuacións para a creación do “Anel Verde do Miño”, que consiste nunha rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galicia e Portugal. Supuxo un investimento de case 200.000 euros para recuperar e rexenerar toda a contorna preservando e protexendo o espazo, de alto valor ecolóxico. Tamén se mellorou a accesibilidade e os servizos de praia, a regulación do tráfico, a instalación dunha nova pasarela de madeira, a creación dunha plataforma peonil e a rexeneración do areal. Esta actuación permite recuperar unha das zonas máis importantes para o concello dende un punto turístico e medioambiental.

O deputado e director da AECT remarcou os novos accesos á praia do Muíño no marco do proxecto europeo “Visit Rio Miño”, facendo fincapé na “importancia da cooperación transfronteiriza para o desenvolvemento económico da zona do Río Miño, para ser máis fortes e impulsar proxectos que nos permitan atraer máis visitantes”. Uxío Benítez asegurou que a actuación do Muíño terá continuidade porque o obxectivo é “unir a través dunha senda todo o Río Miño dende A Guarda ata Crecente e dende Melgaço ata Caminha, para que poidamos ofrecela como produto turístico transfronteirizo a todo o mundo”.

Pola súa banda, a presidenta provincial, quen aproveitou para enxalzar o proxecto Visit Río Miño, destacou que os accesos á praia do Muíño “nada teñen que ver co que había aquí fai moi poucos meses”, xa que “transforma un lugar único para convertelo nun lugar máis que único, máis atractivo, recuperando aquilo que nos regalou a natureza e aquí ten un valor incalculable. Na Deputación cremos que as administracións públicas están para cambiar, transformar, mellorar e crear riqueza e este tipo de proxectos conségueno”.

Nesta mesma liña incidiu Antonio Lomba, asegurando que a actuación trátase “dun soño cumprido”. O alcalde destacou que “as administracións públicas temos que impulsar actuacións acordes co lugar onde estamos, e creo que este proxecto é merecedor do cualificativo de sobresaínte, porque está moi ben integrado co medio ambiente e presta un servizo de interese”. Así, Lomba recordou que “non fai moito esta zona era un terreiro, sen espazo para as persoas e nós queríamos recuperala para o tránsito peonil e para conectar tamén a senda litoral e a fluvial do río Miño”.

A presidenta, o deputado e o alcalde tamén percorreron a nova actuación de mellora da mobilidade e da seguridade na contorna das rúas Vigo e Celta, financiada co Plan DepoRemse da Deputación nun 85% e co Plan Concellos nun 15%, cun investimento total de preto de 500.000 euros. Deseñouse unha zona destinada ao tránsito peonil e á seguridade viaria nun espazo que conta con numerosas dependencias e equipamentos públicos como o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón municipal, o IES e o CEIP A Sangriña, amais do estadio municipal, lugares frecuentados por moitas persoas, na súa grande maioría rapazas e rapaces, que utilizan estas instalacións.

Nesta obra, xa rematada na súa totalidade, executouse unha beirarrúa e unha senda peonil, pasos de peóns, resaltes de calmado de tráfico, zonas de estacionamento e apostouse pola circulación en sentido único. Tamén se executou a recollida de pluviais, a renovación e reposición dos servizos urbanísticos, mobiliario urbano, saneamento, abastecemento, pluviais, redes de telecomunicación, sinalización, xardinaría, electricidade e iluminación.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario