A Deputación de Pontevedra acondiciona a estrada provincial 5005 na Cañiza, fronte ao cemiterio e o campo de fútbol do Vieiro

Os traballos, cun orzamento de 117.826,75 euros, mellorarán o firme e reordenarán todos os espazos laterais para optimizar o aparcamento e facilitar e dotar de máis seguridade o tránsito peonil
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación de Pontevedra acondiciona a estrada provincial 5005 na Cañiza, fronte ao cemiterio e o campo de fútbol do Vieiro

A Deputación de Pontevedra saca a licitación as obras de reposición de firme e de reordenación de espazos na EP-5005, na zona do enlace da autovía e na recta de saída da Cañiza en dirección ao municipio de Crecente. O orzamento de licitación para esta actuación ascende a 117.826,75 euros, IVE incluído, e o prazo de presentación das ofertas rematará o 17 deste mes de marzo. O prazo de execución previsto é de dous meses.

Os traballos centraranse entre os puntos quilométricos 0+700 e 1+100, nun punto cun tráfico denso, tanto de tránsito de paso coma local, ao coincidir co campo de fútbol do Vieiro e o cemiterio municipal. Debido a que o actual estado do firme é moi deficitario cómpre proceder á súa reposición co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria. Por outra banda, tamén se procederá á reordenación dos sobreanchos existentes á beira do cemiterio e do campo de fútbol. Na actualidade estes espazos empréganse como lugar de estacionamento e para o tránsito peonil, sen ningún tipo de delimitación nin separación.

A execución das obras da estrada provincial da Cañiza comezarán co fresado de 5 centímetros e a posterior reposición do firme na zona correspondente á calzada e a beiravía actuais. Os sobreanchos existentes fronte ao cemiterio e o campo de fútbol reordenaranse para que quede unha beiravía de 0,5 metros. A esta seguiralle unha banda de estacionamento de 2,5 metros, separada dun espazo destinado ao tráfico peonil coas adecuadas condicións de seguridade viaria.

As árbores e escavas existentes na zona manteranse, pero executarase a sinalización horizontal correspondente. Ademais, limparase e desatascarase, de ser necesario, o colector de augas pluviais existente e asegurarase o seu correcto funcionamento executando o firme coas pendentes necesarias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.