A Deputación de Pontevedra aproba as bases da nova edición 2019-2020 de depoemprende na escola, depoemprende na ESO e depoemprende na FP

As solicitudes de presentación deberán realizarse na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 31 de xullo
Publicado por o día 18/05/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aproba as bases da nova edición 2019-2020 de depoemprende na escola, depoemprende na ESO e depoemprende na FP

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este luns as bases da edición 2019-2020 dos programas “Depoemprende na Escola”, “Depoemprende na ESO” e “Depoemprende na FP”. Así, a institución provincial realiza unha convocatoria aos centros educativos públicos da provincia de Pontevedra (educación especial, educación primaria, educación secundaria e formación profesional) para participar nas modalidades dos diferentes proxectos de fomento da cultura emprendedora no ámbito escolar.

Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

“DepoEmprende na Escola” é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º ou 6.º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, “DepoEmprende na ESO” diríxese a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3.º e 4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa Emprendedora e Empresarial, Economía, Ciencias aplicadas á actividade profesional ou

similares. Por outra banda, “DepoEmprende na FP” está dirixido fundamentalmente a centros que imparten Formación Profesional de Grao Medio ou Superior.

Os centros serán elixidos atendendo á súa puntuación e o número máximo de seleccionados serán dez centros nas 3 modalidades: “depoEmprende na escola”, “depoEmprende na ESO” e “depoEmprende na FP”. As solicitudes de presentación desta convocatoria deberán realizarse seguindo o modelo de solicitude que estará dispoñible na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 31 de xullo.