A Deputación de Pontevedra aproba máis de 160.000 euros para o reacondicionamento do mercado de abastos do Rosal

As actuacións estarán centradas no espazo interior do edificio para adaptalo ás novas necesidades impulsando así o comercio local de proximidade
Publicado por o día 01/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aproba máis de 160.000 euros para o reacondicionamento do mercado de abastos do Rosal

A Praza de Abastos do Rosal, unha obra do arquitecto Enrique Álvarez Sala y Moris que data do ano 1954, verá reformado o seu espazo interior grazas a unha actuación cun orzamento superior aos 200.000 euros, dos cales 161.261,01 euros foron concedidos ao concello pola Deputación de Pontevedra. A partida foi aprobada este venres pola Xunta de Goberno do ente provincial e enmárcase dentro da liña 1 do Plan Concellos.

A reforma estará centrada no espazo interior do edificio histórico, que forma parte do catálogo de bens culturais do concello, e non afectará a súa estrutura nin á súa fachada. O seu obxectivo é adecuar o interior da Praza de Abastos ás novas necesidades funcionais, espaciais e sensoriais, este fin acadarase mediante a redistribución dos postos, a reforma dos servizos existentes e o cambio de iluminación e materiais de acabado. As actuacións comprenderán tamén pequenas accións no exterior do edificio coa substitución de elementos de carpintaría e traballos para a reparación de deficiencias e elementos deteriorados en cuberta e terraza. Amais, tamén se realizarán melloras na rede de saneamento, fontanaría, electricidade e dotarase ao espazo con novo equipamento.

Con estas actuacións daráselle unha nova vida ao mercado e impulsarase o comercio local de proximidade facéndoo máis atractivo para a cidadanía. A Praza de Abastos contará no seu espazo principal con cinco postos: na illa central situaranse dous postos de froita, horta e flores e na franxa lateral as e os clientes atoparán unha carnicería, unha peixería e un despacho de pan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.