A Deputación de Pontevedra aproba novos investimentos por 1 millón de euros para seis municipios ao abeiro do Plan Concellos

As achegas beneficiarán a Lalín, A Estrada, A Lama, O Grove, A Illa de Arousa e Tui e irán destinadas a melloras nas infraestruturas e equipamentos municipais
Publicado por o día 13/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aproba novos investimentos por 1 millón de euros para seis municipios ao abeiro do Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas ao abeiro do Plan Concellos 2020 por importe dun millón de euros e que beneficiarán aos municipios da Estrada, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama e Tui. Estas axudas permitiranlles a estes concellos abordar diversos investimentos relacionados coa mellora dos servizos, infraestruturas e equipamentos municipais.

Deste xeito, A Estrada recibirá unha axuda de 68.247€, para o financiamento da construción de dous aparcadoiros na Baiuca, a carón da nova Escola Infantil e o Centro de Saúde. Un deles executarase entre a Escola Infantil e a avenida de Pontevedra e contará cun total de 24 prazas, cunha superficie de 960 metros cadrados. Este estacionamento gardará unha estética en consonancia co do novo Centro de Saúde e realizarase en pavimento de formigón, unha xardineira central con árbores de sombra e recollida de pluviais. O segundo aparcadoiro habilitarase entre a avenida da Torre e o viario de servizos de nova apertura, con pavimento de zahorra, cunha superficie de 3.130 metros cadrados e capacidade para 140 vehículos.

No caso do Grove, percibirá unha achega de 179.263 euros, correspondente á aportación municipal ao convenio de colaboración para a execución do proxecto do Auditorio e a Escola de Música, destinado a traballos para a seguridade estrutural da cuberta transitable, que inclúe a redimensión dos petos baixo os criterios de deseño para barreiras de protección. Axustarase tamén o método de plantación, así como acondicionamento de iluminación e mobiliario e a estabilización de noiros para a execución da obra.

Pola súa banda, A Illa de Arousa conta cunha achega de 98.463,60 euros coa que poderá financiar a reposición da senda do Bao, así como o acondicionamento da franxa de terra entre o carril bici e o aparcadoiro. O paseo rehabilitarase coa retirada da pasarela de madeira, cuxo estado actual non ofrece a seguridade suficiente para o seu uso e a súa substitución con aporte de xabre e bordos de madeira. O proxecto contempla tamén o establecemento de baixadas á praia e a nivelación do terreo para igualar as rasantes do paseo.

No que atinxe ao Concello de Lalín, recibirá 160.000 euros que destinará á rede de saneamento nos núcleos de Belelle e Celemín. Máis polo miúdo, o obxecto do proxecto é dotar ao núcleo de Belelle dunha rede conectada á existente en Celemín, obra que beneficiará a un total de 22 vivendas, así como o a mellora da rede de augas pluviais en Celemín. Esta atópase actualmente en mal estado, o que provoca un exceso de auga en épocas de chuvias polas rúas deste núcleo

Doutra banda, A Lama conta cunha axuda de 180.000 euros con destino ao financiamento do acondicionamento e ampliación do edificio do Concello. Estas obras permitirán ampliar o inmoble, coa previsión da dotación de novos postos de traballo, así como a redistribución dos actuais espazos, dotándoo de novas salas de espera para que a veciñanza non teña que agardar no vestíbulo principal para ser atendida. Así mesmo, o proxecto contempla o acondicionamento do edificio, especialmente para o cumprimento da normativa de accesibilidade, coa dotación de aseos adaptados e un ascensor, que facilite á veciñanza o acceso á primeira planta do inmoble. Os traballos completaranse coa mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dunha nova iluminación led e a mellora da envolvente exterior do edificio.

A última achega por importe de 357.858 euros está destinada ao Concello de Tui para acometer a construción dunha glorieta no ramal de enlace da estrada N-550 coa A-55 en Guillarei. Esta obra pretende mellorar a seguridade viaria nas conexións do tráfico co citado ramal da autovía e co núcleo de Sobredo desde a estrada nacional, así como garantir a seguridade das e dos peóns. Hai que ter en conta que esta intersección ten unha grande afluencia de tráfico ao tratarse dun punto onde concorre principalmente circulación en sentido norte-sur e cara onde se desvían, tanto tráfico lixeiro como pesado para incorporarse á autovía. A maiores, o estado do firme é inadecuado en diferentes zonas. Deste xeito, procederase á mellora da capa de rodadura en toda a superficie coa renovación do firme e coa nova glorieta, así como coas conexións coas vías adxacentes. Amais, ampliaranse e melloraranse as beirarrúas existentes, e acometerase a renovación e proxección da sinalización horizontal e vertical da intersección. Tamén se proxectan novas luminarias para mellorar a seguridade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.