A Deputación de Pontevedra asesorou a preto de novecentas persoas de Salvaterra sobre o proceso de regularización catastral

A institución provincial habilitou un punto de información temporal no concello durante case un mes ante as dúbidas que a revisión catastral supoñía para a veciñanza
📣 Publicado por el 25/07/2018 en la sección de Deputación de Pontevedra - Galicia - Política

A Deputación de Pontevedra asesorou a preto de novecentos veciños e veciñas do concello de Salvaterra sobre a reforma catastral, no seu punto de información temporal que instalou na casa da cultura ao longo de case que un mes. O concello de Salvaterra solicitou á Deputación a asistencia dos técnicos da oficina de recadación ante as innumerables consultas que o proceso de revisión catastral supoñía no seu municipio ao afectar a máis de 2.400 persoas.

O propio concello en 2015, e por acordo plenario, solicitou a actualización do relatorio de valores do catastro ao ser un dos máis baixos da provincia ao apenas cubrir o 23% da taxación das propiedades polo que coa modificación impulsada polo anterior goberno do Estado comezouse a súa revisión. Amais a aplicación da nova taxa polo proceso de revisión suscitou innumerables consultas da veciñanza.

A oficina da Deputación, atendida por persoal do ORAL, permaneceu aberta dende o pasado día 26 de xuño ate o pasado día 20 de xullo, na casa da cultura de Salvaterra cun horario de atención ao público, polas mañás, de 9:30 a 14:30 horas, e polas tardes, de 16:00 a 19:00 horas. En concreto polo servizo de información catastral da Deputación pasaron 868 persoas para realizar consultas e recibir asesoramento. Case que un 28 por cento das persoas atendidas polo servizo presentaron posteriormente algún tipo de alegación ou reclamación ao proceso de revisión catastral.