A Deputación de Pontevedra asina un convenio coa Fundación Campo Galego para a restauración de bens que integran o Museo do Campo de Silleda

Carmela Silva destaca que “o Museo do Campo é unha débeda cos nosos antepasados pero tamén co presente e sobre todo co futuro, xa que a sociedade para seguir desenvolvéndose debe ter en conta o seu pasado”
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra asina un convenio coa Fundación Campo Galego para a restauración de bens que integran o Museo do Campo de Silleda

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao presidente da Fundación Campo Galego, Ángel Jove, e ao seu vicepresidente, Manuel Iglesias, acaban de asinar un convenio de colaboración, por importe de 15.000 €, co obxectivo de restaurar bens propiedade da fundación para nutrir tanto as exposicións permanentes como as itinerantes e temporais do Museo do Campo de Silleda. Máis polo miúdo, os bens a restaurar constan de dez tipos de carros procedentes de varias zonas de Galicia, cangas para xugos, unha artesa, unha carreta, cinco temóns de arados, un arado de madeira e ferro, unha moega de muíño galego, unha debulladora de millo e un tractor que integrarán o museo.

Carmela Silva destacou que “as galegas e galegos somos terra e mar e certamente o campo, o sector agrario e gandeiro, foron un dos eixes da actividade económica e a construción dunha forma de ser. Por iso esta idea dun Museo do Campo é unha débeda cos nosos antepasados pero tamén co presente e sobre todo co futuro, xa que a sociedade para seguir desenvolvéndose debe ter en conta o seu pasado”. Sobre a situación do Museo, na provincia de Pontevedra, a presidenta amosou o seu orgullo por ver “que finalmente queda aquí, xa que sei que había outras provincias que apostaban para que estivera fóra de Pontevedra. Penso que ten unha grande potencia como elemento de atracción de visitantes do conxunto do Estado, sobre todo nestes momentos nos que a humanidade precisa de cousas que a acheguen e a volvan apegar á terra”.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Campo Galego, Ángel Jove, destacou que o Museo do Campo “é unha ferramenta fundamental para a dignificación do rural galego e para desenvolver todos os nosos obxectivos, entre os que se atopan o impulso do sector primario para que sexa fonte de riqueza e xeración de emprego, a fixación de poboación no rural e o fomento de programas de conciliación e natalidade”. Tamén destacou Jove que o convenio “trátase do primeiro que a fundación asina cunha deputación, e para nós é fundamental que estas institucións se unan a este proxecto para impulsar o medio rural galego”.

A Fundación Campo Galego trátase dunha entidade, sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico, que naceu no ano 2018 co obxectivo de dignificar o agro e fomentalo como opción de traballo, así como a constitución do Museo do Campo e Mecanización Agrarias que xa se ten inaugurado en Silleda.

O Museo do Campo e a Mecanización permite facer un percorrido a través da historia do campo e a súa maquinaria agraria, pero tamén de atractivo histórico, cultural e turístico. Trátase dun espazo que contribúe á formación e recuperación do patrimonio histórico, ofrecendo ás persoas visitantes múltiples exposicións que permiten coñecer a historia do campo comprendida entre o Paleolítico e a Revolución Industrial, produtos lácteos, viño e derivados, o carro, cereais e forraxe, así como unha colección de automoción e antigüidades ademais de diferentes pezas que son referencia a nivel mundial. Ademais, o Museo pretende xerar un aporte en canto a investigación e desenvolvemento, potenciando a iniciativa, espertando inquietudes e contribuíndo a que o campo galego pase dunha economía de subsistencia a un campo produtivo e sustentable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.