A Deputación de Pontevedra axiliza as subvencións para o deporte náutico e para o deporte federado de ámbito nacional

O Goberno provincial aprobou hoxe as bases das dúas liñas de axudas para “seguir poñendo recursos nas mans do deporte da nosa provincia”
Publicado por o día 04/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra axiliza as subvencións para o deporte náutico e para o deporte federado de ámbito nacional

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases das subvencións para o apoio a clubs deportivos federados de deporte náutico e para clubs deportivos federados que participen na categoría nacional. En rolda de prensa, Carmela Silva resaltou que “axilizamos a publicación destas dúas liñas de axudas para que os clubs deportivos poidan ter o antes posible recursos para enfrontarse á complicada situación derivada da crise da COVID-19”. Tamén remarcou que “na Deputación estamos facendo un esforzo para poñer recursos nas mans do deporte da provincia de Pontevedra; así, con estas axudas, sumadas as xa aprobadas, estamos a falar de tres millóns de euros á disposición do noso deporte”.

En canto ao deporte náutico, esta liña de axudas está pensada para clubs federados nas modalidades de remo, vela e piragüismo para a temporada deportiva 2019-2020 e, no seu caso, para a temporada de 2020. Estas subvencións teñen un orzamento de 500.000 euros, igual que o ano pasado. No 2019 beneficiáronse delas 52 clubs de 22 concellos da provincia, dos cales 27 eran de piragüismo, 17 de remo e 8 de vela.

Pola súa banda, en canto ás subvencións para o apoio a clubs deportivos federados que participen na categoría nacional, estas dispoñerán dun orzamento de 775.000 euros. O ano pasado, co mesmo orzamento, beneficiáronse desta liña de axudas 75 clubs de máis de 10 modalidades distintas e de 21 concellos da provincia.

Silva explicou que “debido a situación que estamos a vivir, optamos por reducir o prazo de presentación de solicitudes de 30 a 15 días co fin de que poidan recibir as axudas o antes posible e tamén pola flexibilización da xustificación da computación dos gastos de quilometraxe, entendendo os prexuízos que crea o parón das competicións”.