A Deputación de Pontevedra comeza a vendima nas catro hectáreas de viñedo do castelo de Soutomaior

Carmela Silva indicou que a adega adxudicataria, Quinta das Eiras, prevé unha colleita de 15.000 quilos de uva nesta tempada
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra comeza a vendima nas catro hectáreas de viñedo do castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe o inicio da vendima nas catro hectáreas de viñedo do castelo de Soutomaior. Silva indicou que a previsión é que nesta vendima, “na que están a traballar unha ducia de persoas”, se colleiten arredor de 15.000 quilos de uva. Ademais, a presidenta tamén animou as persoas a que “cando visiten o castelo pasen polos viñedos, porque ver a recollida da uva é algo marabilloso. No castelo de Soutomaior é coma un soño”.

Tal e como sinalou Carmela Silva, a Deputación de Pontevedra adxudicou este ano, de novo polo sistema de poxa pública, a colleita da uva do viñedo do castelo de Soutomaior á adega Quinta das Eiras. A oferta presentada pola empresa foi de 1,15 euros (incluído IVE) por quilo de uva albariña e de 0,95 euros (tamén incluído IVE) para os outros tipos de uva.

O castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e os seus viñedos, que ocupan catro das 33 hectáreas de extensión do Castelo, datan do ano 1984.