A Deputación de Pontevedra descolgará o luns dúas grandes lonas na fachada do pazo para recordar ás 1000 mulleres asasinadas polas violencias machistas

A presidenta da Deputación anunciou que “queremos facer esta acción activa contra as violencias de xénero” para que os nomes das vítimas “non caian no esquecemento”
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra descolgará o luns dúas grandes lonas na fachada do pazo para recordar ás 1000 mulleres asasinadas polas violencias machistas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confirmou esta mañá que será o vindeiro luns, día 17, cando se descolguen as dúas grandes lonas cos nomes das 1.000 mulleres asasinadas polas violencias machista dende o 2003, ano no que comezaron a existir estatísticas. O acto, que está programado para as 12:00 horas, “será unha acción activa e colectiva contra a violencia de xénero que asasina ás mulleres cuxos nomes non poden caer no esquecemento ante unha situación tan grave e dramática”.

Silva tamén quixo expresar hoxe a súa “profundísima indignación co Partido Popular, con Ciudadanos e con Vox por decidir que as leis que loitan contra a violencia machista vanse chamar leis de violencia intra-familiar”. “Alucinante”, asegurou a presidenta, porque dicir que a lei contra a violencia de xénero ten que ser unha lei intra-familiar é dar un paso atrás intolerable que as mulleres non lle imos consentir”, engadiu. Silva salientou que, ante esa decisión, “as mulleres imos saír ás rúas e, cando salgamos, que trema o mundo. Non imos consentir nin un paso atrás porque non hai nada máis importante que a loita polos dereitos das mulleres”, recalcou. “Somos máis da metade da poboación pero parece que o PP, Ciudadanos e Vox aínda non o saben. Por iso imos ser nós as que lideremos a loitas contra estes partidos.”, concluíu.