A Deputación de Pontevedra destina 40.000 euros ao financiamento da festa da Arribada de Baiona

O Goberno da institución provincial vén de aprobar esta e outras axudas no marco da liña 2 do Plan Concellos, cun investimento de máis de 78.000 € para a vila
Publicado por o día 12/02/2019 na sección de Baiona,Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación de Pontevedra destina 40.000 euros ao financiamento da festa da Arribada de Baiona

O Goberno de Carmela Silva vén de aprobar novos investimentos para Baiona ao abeiro da liña 2 (actividades, gastos correntes e amortización de débedas) do Plan Concellos. En total nesta última Xunta de Goberno aprobáronse máis de 814.000 € para 14 concellos, dos cales Baiona recibiu un total superior aos 78.000 €.

O investimento máis destacado entre os recibidos por Baiona ten por obxecto o financiamento dunha cita ineludible na vida cultural e turística da vila: a Festa da Arribada 2019, un total de 40.000 € cos que a Deputación “volve amosar a importancia desta institución para que os concellos poidan levar a cabo actividades que as sitúan no mapa”, asegurou a presidenta provincial, Carmela Silva, “como é o caso da Arribada que é ademais unha das Festas de Interese Turístico Internacional máis potentes da provincia de Pontevedra”.

Carmela Silva puxo en valor que “a importancia da Festa da Arribada, que acadou este recoñecemento a finais de 2015, radica non só nos seus retornos económicos senón na súa capacidade para tender pontes entre distintas culturas. Estas pontes impulsan que entre todas e todos creemos un mundo no que convivan a integración, o respecto ás diferenzas e a multiculturalidade”. Ademais, a presidenta provincial lembrou que as Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional, como é o caso da Arribada, “foron e seguen a ser obxecto de numerosas campañas de promoción desta Deputación nos últimos preto de 4 anos, chegando a ser un dos eixos que sustentaron a campaña de 2018 ‘Somos Historias’ a través do patrimonio inmaterial, e onde a Arribada tivo unha visibilidade indiscutible”.

O Goberno aprobou outros dous investimentos para Baiona: 10.174,83 € para o Mercado Antigo de Sabaris e 28.000 € para financiar a Cabalgata de Reis, ambos os dous na liña 2. Grazas a esta liña do Plan Concellos, que ten este ano un orzamento de 3,9 millóns de euros, os concellos da provincia poden facer fronte a gastos correntes, de amortización de débedas e tamén derivados da organización de actividades culturais, de formación ou turísticas.

Este ano 2019 a Deputación de Pontevedra pon á disposición de Baiona case un millón de euros, 951.515,33 euros, un 3,23 % máis que no exercicio anterior.

Comentar noticia

Your email address will not be published.