A Deputación de Pontevedra e a editorial Galaxia retoman a exitosa ESCOLA DE LETRAS como porta ao mundo da creación literaria

As escritoras Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro se incorporan ao equipo docente, xunto a Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez

Trala súa excepcional acollida o pasado 2020, a Deputación de Pontevedra e a editorial Galaxia volven coa segunda edición da súa Escola de Letras, que ten previsto o seu arranque no vindeiro mes de marzo. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e o director da Escola, Francisco Castro, fixeron un balance da primeira edición e presentaron as novidades para este ano que contará no profesorado con dúas novas escritoras que impartirán obradoiros, facendo así paritaria a súa composición, tres mulleres e dous homes, amais do director da Escola.

Carmela Silva recordou que “2020 foi un ano que sempre lembraremos pola situación pandémica histórica que vivimos, na que os libros e as historias foron fiestras cara a liberdade e a imaxinación en tempos de confinamento. Fronte ao distanciamento social e ás fortes restricións que condicionaron e condicionan a nosa vida, o acceso á cultura, tanto á programación como á formación, foi un importante punto de acordo que vai moito máis aló do simbólico e un alimento fundamental da nosa identidade cultural”. A Escola de Letras, a primeira escola deste tipo en Galicia e unha das poucas no Estado, naceu como unha idea da Editorial Galaxia que a Deputación apoiou dende o primeiro momento cunha “inmensa ilusión”. A presidenta provincial lembrou que naceu como un soño que foi convertido en realidade pola inmensa participación que tivo. Esta é unha das ideas que fai que a provincia de Pontevedra siga sendo o centro do pulo cultural, fómolo ao longo da historia, sómolo e queremos seguir séndoo”, recalcou.

Neste contexto Francisco Castro lembrou que na edición pasada as prazas para os seis obradoiros celebrados esgotáronse en hora e media e a lista de agarda para matricularse nalgún dos cursos superou as 200 persoas. Carmela Silva quixo poñer en valor que “a xente demanda cultura, ter outro tipo de actividades humanas que non sexan o consumismo, o materialismo e o individualismo. A xente precisa construír sociedades diferentes onde a creación estea no centro e que as administracións apoien este tipo de iniciativas”.

A andaina da Escola de Letras do 2020 aínda non rematou. Francisco Castro anunciou “a guinda do pastel”: a publicación dun libro con textos do alumnado que participou nesta iniciativa. As alumnas e alumnos teñen ata o 30 de xaneiro para enviar un texto porque, para o director da Escola, “a literatura ten sentido se ademais se publica”. Castro cree que “para as alumnas e alumnos o saber que un dos seus textos formará parte dun libro é un aliciente estupendo. Un dato importante é que non vai ser un libro institucional senón que pasará á canle comercial e estará nas librerías de Galicia dentro do catálogo de Galaxia”.

A presidenta provincial quixo resaltar tamén o compromiso coa igualdade desta Escola, que na súa nova edición da un paso máis neste ámbito contando con tres mulleres e dous homes no seu profesorado. Destaca a incorporación de Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro ao equipo docente, que se completa coa presenza de Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Para Silva esta proporción correspóndese coa realidade “posto que hoxe no mundo da escrita galega as mulleres están ocupando moitísimo espazo e acadando grandes recoñecementos”. Con estas incorporacións a Escola acada un novo nivel posto que, como resaltou Castro, “non son cursos sen máis, e polo tanto a Escola cada ano ten que ir subindo o nivel de especialización. O ano pasado foron obradoiros máis xeralistas e este ano queremos ir matizando moito máis”.

Para este 2021 a Escola ten programados un total de seis talleres que terán lugar entre os meses de marzo e decembro. Comezará con dous obradoiros literarios impartidos por Inma López Silva entre os meses de marzo e maio. No mes de xuño Antonio García Teijeiro ten programado un taller de poesía ao que seguirá, entre os meses de setembro e novembro, o obradoiro “Escribir unha novela”, impartido por Anna Figueiredo. Será entre outubro e novembro cando Diego Giráldez imparta o seu obradoiro literario e, para finalizar a Escola, Elvira Ribeiro fará o propio cun obradoiro de poesía. A maiores este ano incrementaranse as masterclass, abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica. Estas actividades, ao igual que na edición anterior, serán de balde.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM