A Deputación de Pontevedra e UNICEF colaboran para protexer á infancia de Senegal dos efectos da COVID-19

O convenio coa ONG, por importe de 15.000 euros, destinarase a subministracións básicas na loita contra a pandemia, en sintonía co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Axenda 2030
Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e UNICEF colaboran para protexer á infancia de Senegal dos efectos da COVID-19

A Deputación de Pontevedra, por quinto ano consecutivo, volve a colaborar con UNICEF mediante un convenio que esta vez destinarase a protexer ás nenas e nenos máis vulnerables dos efectos da pandemia da COVID-19 en Senegal. Esta achega, por importe de 15.000 euros, está enmarcada na política da institución provincial en sintonía cos obxectivos de cumprimento dos ODS e coa Axenda 2030. “Temos a obriga de salvagardar a saúde de todos os seres humanos, moi particularmente á infancia, que é o presente e o futuro”, destacou a presidenta da Deputación.

Na rolda de prensa, Carmela Silva puxo en valor a labor “imprescindible” de UNICEF á que se referiu como “unha organización fundamental para construír un mundo mellor”. Pola súa banda, a coordinadora do Comité de Galicia de Unicef, Irene Marín, agradeceu e enxalzou o apoio “clave” da Deputación de Pontevedra, coa que levan cinco anos consecutivos cooperando, e reivindicou que “é fundamental que os gobernos se impliquen, desde todos os ámbitos, para poder avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. O obxectivo desta colaboración en cooperación internacional é reducir a transmisión e mortalidade do virus a través do acceso a auga segura e a un saneamento e hixiene adecuados para as familias máis vulnerables, así como a protección esencial do persoal sanitario.

En concreto, con esta aportación da institución provincial vaise facer adquisición, distribución e entrega de equipos de protección e desinfección individuais (EPIs), equipos médicos e produtos de material hixiénico, neste país onde a pandemia pode ter efectos devastadores. Tamén se instalarán tanques de auga e puntos de lavado de mans para dispoñer de auga limpa e para a hixiene do persoal. Ademais de subministracións básicas e equipamento para a protección do persoal que está en primeira liña, tamén se están a realizar campañas de lavado e desinfección de mans en todo o país, actividades específicas para mellorar a hixiene nos espazos comunitarios e centros de atención primaria de saúde, e tamén se está a traballar para dar protección psicosocial ás nenas e nenos máis afectados pola pandemia. Todo iso para contribuír ao cumprimento do dereito á supervivencia e desenvolvemento da poboación afectada, asegurando o acceso a servizos básicos de auga, saneamento, hixiene e saúde.

Este é o quinto ano que a Deputación de Pontevedra colabora con UNICEF na loita contra as desigualdades e situacións de emerxencia que existen no mundo, amosando o seu total compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. Nos tres últimos anos as achegas foron destinadas a mellorar a nutrición, a saúde e a educación da infancia e adolescencia en Siria, e no 2016 foi para a atención da poboación afectada polo furacán en Haití. UNICEF traballa en máis de 190 países e territorios do mundo para chegar ás nenas e aos nenos máis vulnerables.

Comentar noticia

Your email address will not be published.