A Deputación de Pontevedra entrega nove transpaletas para os nove puntos limpos da provincia ao abeiro do proxecto Estafe

A maquinaria, cun orzamento de máis de 80.000 euros, irá para Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Mancomunidade do Morrazo
Publicado por o día 12/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra entrega nove transpaletas para os nove puntos limpos da provincia ao abeiro do proxecto Estafe

O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, xunto ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, o concelleiro de medio ambiente de Moaña en representación da Mancomunidade do Morrazo, Odilo Barreiro, e o concelleiro de medio ambiente de Vilagarcía, Lino Mouriño, asistiron ao acto de entrega, no Parque de Maquinaria, das nove transpaletas que prestarán servizo nos nove puntos limpos nos que está a actuar o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación. En concreto, Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña) reciben esta maquinaria, valorada nun total de 80.912,7 euros.

As transpaletas son eléctricas, en sintonía co proxecto sostible e de coidado co medio ambiente, teñen unha capacidade de carga de ata dous mil quilos e unha velocidade máxima de 10 quilómetros hora. Ademais, estas máquinas permitirán transportar e mover dunha maneira cómoda e segura os aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema. A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Comentar noticia

Your email address will not be published.