A Deputación de Pontevedra envórcase con Culturgal “cando estamos a vivir nesta provincia unha revolución cultural extraordinaria”

Carmela Silva presentará a “intensa programación cultural da Deputación do vindeiro ano que estará estreitamente aliñada cos ODS. Os actos deste ano estarán no marco da sustentabilidade, a igualdade, a inclusión e a accesibilidade”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou que a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se desenvolverá do 29 de novembro ao 1 de decembro no Recinto Feiral pontevedrés, reinvéntase cada ano e que a súa vindeira edición “será a mellor da historia”, xa que amosará o momento “potentísimo” da cultura galega, que vive “unha auténtica revolución cultural en todos os eidos, en moitos casos, con nome de muller”. “É unha cultura auténtica, diferente, que amosa que somos un gran pobo e moi creativo”, afirmou. Neste senso, congratulouse de que a feira teña como sede Pontevedra, “algo que ten moito que ver co enorme potencial que ten esta provincia no ámbito da cultura; creo que iso nos identifica e nos ten que facer sentir moito orgullo”.

Silva anunciou “moitas sorpresas” na programación no stand que a Deputación terá en Culturgal e adiantou que nesta edición duplicouse o número de concellos que participarán na feira da man da Deputación. “Na anterior edición foron 20 e agora son 40, e o noso obxectivo é que participen 59 –indicou-. Nós queremos que todos os concellos teñan moita presencia en Culturgal, porque temos moito que amosar en cada un deles”. Engadiu ademais que este ano, a institución provincial vai apostar “pola sustentabilidade, pola igualdade, pola inclusión e a accesibilidade” nas actividades que comezarán xa o 29 de novembro ás 13.30 horas coa performance “A última cea”, a cargo de Uxía Morán. Este acto enmárcase no programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, “onde 25 mulleres amosan a loita contra a violencia das mulleres dende a cultura”.

O sábado 30 de novembro presentarase as propostas culturais dos 40 concellos da provincia, en dúas sesións que terán lugar ás 12.30 e ás 19 horas. Así mesmo, como sinalou a presidenta, nesa xornada o stand da Deputación acollerá ás 17.45 horas a presentación da obra “María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo”, do pontevedrés Diego Piay. “Este historiador ten feito _subliñou Carmela Silva_ unha investigación profundísima sobre a vida desta gran muller da cultura, que falaba cinco idiomas, que era pintora e escritora e relacionábase con todo o ámbito da cultura tanto galega como do Estado español e el ten atopado moitas cuestións interesantes sobre a súa vida. Ese libro eu creo que vai ser unha grande referencia”. E na mesma xornada, ás 18.30 horas, a Deputación presentará tamén os contidos da quinta edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

No último día de Culturgal, terá lugar (11.3o horas) a presentación da programación cultural da Deputación para o vindeiro ano 2020 centrada, como destacou Silva, no lema “17 Obxectivos, 61 Horizontes”, enmarcado nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados pola Axenda 2030. “Cremos que a cultura –remarcou- está en todo e polo tanto temos feito unha programación para o 2020 contando con eses 17 obxectivos, todos ligados ao desenvolvemento de accións culturais. Nese acto presentaremos os programas Musigal e Pontegal”.

Amais, o stand da institución provincial acollerá, ás 12 horas, a presentación da cuarta edición dos Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual, organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, “nos que se quere recoñecer á periodista coruñesa María Luz Morales, que foi a primeira muller en España que acadou o posto de directora dun xornal nacional”. E, ás 12.30, presentarase o libro “Eu son Carolina”, de Javier Carballo, “un mozo de Valga que q1uixo recuperar a imaxe desta valguesa de sona mundial coñecida como a Bella Otero”. “Nós –engadiu- tamén cremos que hai que recuperar a imaxe real desa muller e a súa vida tráxica por ser muller, en definitiva a imaxe dunha muller que optou por ter libre e que finalmente o conseguiu”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM