A Deputación de Pontevedra fai un chamamento ás familias de vítimas do franquismo para que loiten contra a impunidade

A deputada María Ortega presentou hoxe as Xornadas da Memoria Histórica deste venres e sábado nas que intervirán representantes de CeaQua para informar sobre a querela arxentina
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra fai un chamamento ás familias de vítimas do franquismo para que loiten contra a impunidade

A Deputación de Pontevedra, seguindo un dos seus eixes de actuación deste mandato en materia de Memoria Histórica, a loita contra a impunidade do franquismo, dará un paso máis e porase do lado das familias das vítimas para facilitar que tomen a vía xudicial contra os crimes cometidos despois do alzamento fascista do 36. A institución provincial convértese así nunha das primeiras administracións que comparte e asume os postulados de loita contra a impunidade defendidos polos colectivos memorialistas.

“As institucións teñen que ser unha ferramenta ao servizo da cidadanía, e temos que facilitar as demandas ás familias. Hai que visibilizar a situación actual e sacudir o po, e neste sentido a Deputación ten unha senda firme e decidida da recuperación da memoria e da reparación”, dixo Ortega, lembrando que a día de hoxe seguen vixentes condenas por ‘traizón á patria’ de persoas como Alexandre Bóveda.

Para informar sobre a vía xudicial , segundo explicou a deputada María Ortega, este venres e sábado terán lugar unhas xornadas sobre Memoria Histórica nas que intervirán, entre outros, representantes de CeaQua para abondar na situación xurídica actual da querela arxentina contra os crimes do franquismo –denuncia interposta ante un xulgado penal de Arxentina polos delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977–.

Así, o venres ás 17 horas realizarase un encontro no que estarán persoas do mundo da avogacía na provincia de Pontevedra (Colexio de Avogacía e Comisión de Dereitos Humanos do grupo de Avogados Novos) co fin de formular colaboracións a nivel legal, intercambio de experiencias e iniciativas legais para facilitar a presentación das querelas sempre desde o punto de vista técnico.

Por outra banda, despois terá lugar unha reunión informativa destinada ás familias e aberta ao público xeral, na que estarán o avogado de CeaQua, Jacinto Lara, pero tamén Miguel Ángel Gómez e Chato Galante, ambos querelantes contra Billy El Niño. A xornada finalizará coa proxección de El silencio de otros.

Xa o sábado 16 ás 12 horas terá lugar un acto institucional de especial transcendencia polo seu significado no que familiares de figuras como Alexandre Bóveda ou o expresidente da Deputación de Pontevedra, Amancio Caamaño, asinarán a querela arxentina publicamente como feito simbólico de loita contra o franquismo. “Entendemos que é o marco axeitado para que as familias poidan adherirse á querela, e facemos un chamamento para seguir este camiño”, dixo a deputada María Ortega.

Recoñecemento á institución

Pola súa banda, Montse Fajardo, representante da Iniciativa Galega da Memoria agradeceu á Deputación en nome do movemento memorialísitico a súa implicación e os pasos firmes para “dar batalla xudicial e loitar de xeito firme contra o franquismo”. Fajardo fixo un chamamento ás familias para que saiban que teñen apoio para loitar fronte á Lei de amnistía da transición, que definiu como “un muro” e se adhiran á querela arxentina ou presenten a súa propia. “É triste que teñan que ser os tribunais internacionais os que o fagan, pero con este movemento da Deputación de Pontevedra Galiza tamén entrará no movemento xudicial e as familias non terán que soster soas o peso de afrontar as querelas”, afirmou.

O neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, tamén se sumou ao recoñecemento do labor da Deputación ao traer ao primeiro plano a loita contra a impunidade. “Fan falla políticas de memoria, porque aínda hoxe seguen vixentes sentenzas firmes nas que as persoas asasinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísimos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas”, destacou, para resaltar afear que o Estado Español non tivera dado pasos neste sentido.

“Isto é unha posta en valor dos dereitos humanos, e que teñamos que falar disto no 2019 di moito dos valores que temos como sociedade. De ter implementado esas políticas de memoria hoxe a intolerancia non tería representación”, dixo en referencia aos resultados electorais das eleccións de onte. En relación ao momento para presentar a adhesión para a querela por parte da súa familia destacou que “é certo que as familias aínda hoxe teñen medo, por iso e con esta posición agora da Deputación, nós imos adiante, que é tamén un ánimo para os demais”.

Nestes momentos están presentadas e en diferentes fases xudiciais máis de 600 querelas que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo. Na Galiza estímanse que entre os xuízos sumarísimos e as persoas paseadas poderían estar afectadas máis de 5.000 familias de vítimas.