A Deputación de Pontevedra inicia a mellora e acondicionamento das rúas da contorna da Pousada de Ribadumia

Cun orzamento de máis de 200.000 euros a Deputación executará obras de urbanización, pavimentación e dotación de servizos
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ribadumia

A Deputación de Pontevedra inicia a mellora e acondicionamento das rúas da contorna da Pousada de Ribadumia

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de acondicionamento e mellora das rúas da contorna da Pousada de Ribadumia, nas que investirá un orzamento de 211.161,95 euros. En concreto, os traballos que van acometer consisten na pavimentación e dotación de servizos das rúas 1 e 4 na urbanización Santa Eulalia, situadas nas inmediacións da pousada, nas que se habilitarán tanto as áreas rodadas como peonís dos viarios, e se executarán os correspondentes servizos urbanísticos ata o seu enlace cos existentes.

Máis polo miúdo, no caso da Rúa 1 completaranse as redes de abastecemento, de saneamento (fecais e pluviais), de electricidade, iluminación pública e telefonía. Tamén se executarán beirarrúas e levarase a cabo a reposición de firmes. E, na Rúa 4, levarase a cabo a urbanización completa dunha rúa de nova apertura.

Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela S. L., e teñen un prazo de execución de seis meses.

Comentar noticia

Your email address will not be published.