A Deputación de Pontevedra leva este martes ata o CPI Progreso de Catoira unha nova charla do ciclo “Tempo de saúde” dirixida á mocidade

Esta iniciativa promove conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e á terceira idade
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra leva este martes ata o CPI Progreso de Catoira unha nova charla do ciclo “Tempo de saúde” dirixida á mocidade

A Deputación de Pontevedra levará este martes ao Colexio Público Integrado (CPI) de Catoira a terceira charla do ciclo “Tempo de saúde”, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posto en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 9:30 horas á conferencia que impartirá o doutor Pedro Silva Arochena para o alumnado do centro educativo, así como para o profesorado e público en xeral, na que falará sobre a prevención de enfermidades venéreas e os seus riscos.

“Tempo de saúde” é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

En Catoira, o doutor Pedro Silva Arochena explicaralles aos mozos e ás mozas diversas cuestións relativas á prevención de enfermidades venéreas e os riscos asociados a elas. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de “Tempo de Saúde” aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Silva Arochena é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, coas especialidades en Medicina do Traballo e en Medicina de Urxencias. Na actualidade é epidemiólogo do Servizo de Promoción da Saúde da Delegación Provincial de Sanidade de Pontevedra dende fai 17 anos. Ao longo de máis de tres décadas de traballo, desempeñou distintos postos na sanidade privada e pública. Ademais, impartiu ou colaborou en máis de 75 cursos de formación sanitaria.

Ao igual que en Catoira, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.