A Deputación de Pontevedra licita a mellora da mobilidade peonil na EP-3302 no Rosal

A institución provincial mantén aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 12 de setembro co obxectivo de executar unha senda peonil que garanta unha mobilidade máis segura para a veciñanza
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra licita a mellora da mobilidade peonil na EP-3302 no Rosal

A Deputación de Pontevedra avanza na mellora do conxunto da rede de estradas provinciais dentro do seu obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria e peonil. Así, a institución provincial abordará, entre outras obras, a mellora da mobilidade peonil na EP-3302 desde o PQ 1+365 e o 1+940 do Rosal. O período de presentación de ofertas por parte das empresas permanecerá aberto ata o 12 de setembro e o orzamento de licitación para acometer a actuación é de 178.743,39 euros.

Máis polo miúdo, a través desta actuación preténdese, entre outras cuestións, executar unha senda peonil en formigón coloreado cun trazado paralelo á EP-3302 pola súa marxe esquerda. Esta senda comezará no núcleo de Valdemiñotos en dirección sur-este (PQ1+940 ata o PQ1+365) ata o paso elevado que da acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón. Deste xeito establecerase un itinerario peonil segregado do tráfico rodado aportando unha alternativa de mobilidade máis segura para a veciñanza.

A actuación a realizar na EP-3302 tamén contempla a mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e unha zona entubada na estrada provincial para recoller as augas procedentes do exterior da estrada. Ademais, prevese a preinstalación da iluminación pública a través dunha dobre tubaxe soterrada de PVC corrugado.