A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres o prazo de inscrición para o “Depo desafío 2018”

A actividade, enmarcada no Plan Estratéxico de Deportes, dará comezo o 22 xullo e finalizará no mes de outubro.
Por o 12/07/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres o prazo de inscrición para o “Depo desafío 2018”

A Deputación de Pontevedra segue impulsando o deporte a través do novidoso formato “Depo Desafío”, que comezará o 22 de xullo e rematará o 7 de outubro. O programa,  que se desenvolverá nos concellos de Tomiño, O Rosal, A Guarda, O Grove, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade e Vigo, está destinado a deportistas amantes do deporte extremo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este venres 13 de xullo ás 14:00 h e o período de recollida dos dorsais será do martes 17 ao venres 20 de xullo no Servizo de Deportes da Deputación.

Máis polo miúdo, a primeira das probas do “Depo Desafío” terá lugar o 22 de xullo entre os concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda e consistirá nunha carreira a pé á beira do Miño, nun percorrido de 21 quilómetros e 97 metros que rematará aos pes do monte de Santa Trega.

Os demais desafíos consistirán nunha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e A Illa da Toxa, un trail polo concello da Cañiza de 15 quilómetros de espectaculares vistas e unha competición de BTT polo concello de Cerdedo-Cotobade a través de 35 quilómetros. Para pechar o “depoDesafío”, celebrarase en Vigo, na praia de Samil, un tríatlon na modalidade distancia sprint con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira.

As e os deportistas interesados en participar  poden obter toda a información relativa as necesidades técnicas necesarias na web da Deputación. Ademais, os participantes entrarán nun sorteo de dous voos con acompañante Vigo-Valencia

“Depo Desafío” enmárcase no Plan Estratéxico de Deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.

Por outra banda,  en cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Sen embargo soamente gañaran o “Depo Desafío” a muller e o home que finalicen ao menos 4 probas e consigan os máximos puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón Berlín, que inclúe voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.