A Deputación de Pontevedra promociona na sede de Vigo o Xamón da Cañiza nun acto que serve para reivindicar o producto local en tempos de COVID-19

Ao evento acudiron os alcaldes da Cañiza e Vigo, Luis Piña e Abel Caballero, ademais dos deputados provinciais Ana Laura Iglesias e Santos Héctor
Publicado por o día 12/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A Deputación de Pontevedra promociona na sede de Vigo o Xamón da Cañiza nun acto que serve para reivindicar o producto local en tempos de COVID-19

“O entorno, o territorio e a materia prima únense para crear un produto non só coñecido, senón tamén recoñecido”. Estas palabras da deputada provincial Ana Laura Iglesias no acto de promoción do xamón da Cañiza que tivo lugar na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra encaixan á perfección co produto local que é “bandeira” da capital da comarca da Paradanta. O xamón da Cañiza foi protagonista e eixe das intervencións do alcalde cañicense, Luis Piña, e do rexedor de Vigo e “alcalde de alcaldes”, na súa condición de presidente da FEMP, Abel Caballero.

Malia que este ano, tal e como explicou Piña, a crise sanitaria xerada pola covid-19 non fai viable a celebración da Festa do Xamón da Cañiza como en anos anteriores, este acto de promoción serviu para continuar co apoio ao turismo e a relación entre o territorio do Paradanta e unha potente oferta gastronómica que ten no xamón e no cocido os seus elementos estrela. “Temos unhas condicións paisaxísticas e orográficas excepcionais e estamos moi ben situados no corazón do sur de Galicia, a medio camiño entre Vigo e Ourense”, declarou o alcalde da Cañiza.

Estas condicións, que favorecen o curado do xamón, foron postas en valor pola deputada provincial Ana Laura Iglesias, quen lembrou a relevancia que ten o produto local dentro da identidade do concello: “A vinculación entre gastronomía, paisaxe, patrimonio e territorio é de gran relevancia á hora de promocionar a nosa provincia”. Deste xeito, non é de estrañar que a Feira do Xamón da Cañiza se acredite coma unha das máis lonxevas de toda a xeografía autonómica, sendo declarada Festa de Interese Turístico no ano 2013. “Se é un grande éxito para a Cañiza, tamén o será para a provincia de Pontevedra”, sentenciou a deputada, quen reivindicou tanto a importancia da produción local responsable coma o firme apoio que o ente provincial ten cos municipios da provincia para dar a coñecer o seu potencial alén das fronteiras de Pontevedra, Galicia e España. No acto participou tamén o deputado de Cooperación, Santos Héctor.

“Alá polo ano 67 é cando se celebra a primeira Feira do Xamón da Cañiza”, dixo Luis Piña. Este gran percorrido foi tratado tamén polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen amosou o recoñecemento que de lonxe vén recibindo o produto: “Os que temos idade podemos falar disto dende a perspectiva da tradición. Aquilo que formaba parte da cultura gastronómica da xente na primeira metade do século pasado acabou converténdose nun produto gastronómico de altísima calidade. Agora vémolo en toda a súa dimensión e apreciámolo”.

Ao respecto das dificultades para a organización de eventos festivos neste ano, o alcalde cañicense comentou que non quedou máis remedio que recortar eventos como as verbenas. A pesar disto, programáronse eventos culturais na primeira quincena do mes de agosto con todos os protocolos de seguridade e hixiene que require a crise sanitaria actual. Así, o 14 de agosto ás 23 horas terá lugar un concerto de Amantes da Terra que se atopa inserido dentro do programa Musigal, organizado pola Deputación de Pontevedra.

Na Cañiza a tradición xamoneira pérdese nos tempos. Hai datos de que xa a mediados do século pasado os comerciantes da provincia de Ourense desprazábanse ata as aldeas da capital da Paradanta para adquirilos xamóns ou intercambialos por outros produtos como bacallau ou conservas. Xa daquela hai constancia de que os campesiños vendían xamóns na feira de gando que se celebraba no Cacharado. As peculiaridades climáticas nas terras altas da bisbarra da Paradanta, con aire frío e seco, fan desta zona un lugar privilexiado para a cura do xamón e a adquisición dun punto de maduración óptimo para o seu consumo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.