A Deputación de Pontevedra remata as obras de construción da drenaxe transversal na EP-8501 de Valga-Os Martores

Trátase dunha demanda veciñal histórica, pendente desde o mandato de Louzán, que resolveu o Goberno de Carmela Silva
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra remata as obras de construción da drenaxe transversal na EP-8501 de Valga-Os Martores

A Deputación de Pontevedra acaba de acometer as obras de drenaxe transversal no PQ 0+300 da EP-8501 de Valga-Os Martores, unha demanda veciñal histórica. Esta obra estaba pendente desde hai anos, cando o anterior Goberno provincial fixo un ensanche da estrada e quedou este treito sen executar, pendente da autorización de Augas de Galicia. Os traballos resolven o problema cun proxecto no que se investiu un total de 110.619,66 euros.

Máis polo miúdo, a obra consistiu na construción dunha drenaxe transversal para mellorar a capacidade. Deste xeito, para canalizar o regato, colocouse un marco de formigón de 4000 x 1500 x 1500 mm, proxectado para un período de retorno de 500 anos. Ademais, tamén se instalaron servizos, ampliouse a plataforma, construíronse beirarrúas e pavimentouse a calzada.

Para levar a cabo esta obra foi necesario obter cesións de terreos por parte do Concello. Así, a Deputación de Pontevedra conseguiu darlle continuidade á estrada e ao itinerario peonil. A empresa encargada de levar a cabo a actuación foi Excavaciones y Construcciones Pérez Portela, S. L.