A deputación de Pontevedra sitúa no 74% a ocupación hoteleira media na provincia durante xullo e mantén o liderado como destino turístico

Por o 03/08/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra,Turismo
A deputación de Pontevedra sitúa no 74% a ocupación hoteleira media na provincia durante xullo e mantén o liderado como destino turístico

Carmela Silva: “Os resultados son moi positivos e tanto Turismo Rías Baixas como o sector esperan un agosto espectacular”

 

Destaca o crecemento do turismo rural, cun incremento de tres puntos, e a elevada porcentaxe dos apartamentos turísticos e cámpings

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance esta mañá dos resultados relativos á ocupación media en hoteis durante o pasado mes de xullo e que sitúan a porcentaxe, para toda a provincia, nun 74%. Silva asegurou que “certamente o ano pasado as cifras en hoteis foron superiores ás deste ano pero tamén é certo que este ano os datos poñen de manifesto un aumento considerable nas porcentaxes relativas aos establecementos de turismo rural e unha ocupación moi elevada nos apartamentos turísticos e cámpings”.

 

Carmela Silva explicou que “estamos a manter o noso liderado como destino turístico”. Neste eido, a presidenta provincial achegou datos publicados polo INE que sinalan que mentres o descenso do número de pernoctacións no Estado foi do -1,2%, nas Rías Baixas foi do -0,3%.

 

Tamén destacou Silva que “ata dentro dun mes, cando o INE publique os datos, non saberemos se xullo tivo máis visitantes que no 2017 pero creemos que o dato foi superior ao do pasado ano”. En calquera caso, Carmela Silva asegurou que a ocupación do pasado mes de xullo, situada no 74%, foi moi relevante e, ao igual que sucede todos os anos, superior ao mes de xuño, cando se acadou un 68%. Por comarcas, O Salnés acadou o 75%, Pontevedra superou o 72,5%, O Morrazo rexistrou unha ocupación media do 83,6%, Caldas chegou ao 88,62%, O Baixo Miño rexistrou unha ocupación do 68,24%, O Condado e A Paradanta acadaron o 61,25% e as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 58%.

 

A presidenta da Deputación fixo tamén mención á desestacionalización e internacionalización do noso destino. Neste eido, Silva asegurou que desde que comezou o ano mes a mes está a subir o número de visitantes e tamén o número de persoas que proveñen do estranxeiro, “o que apoia a nosa decisión de que hai que traballar por desestacionalizar a demanda e internacionalizar o noso destino”.

 

En canto ao turismo rural, Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque se superaron as previsións e tamén os resultados do ano pasado. “A ocupación nos establecementos rurais foi do 70%, superando tres puntos o acadado en xullo de 2017 cando a porcentaxe se situou no 67%”. Máis polo miúdo, Silva detallou os datos por comarcas informando que O Salnés acadou en xullo unha ocupación do 92%, Pontevedra chegou ao 60%, O Morrazo superou o 93,5%, Caldas achegouse ao 64,5%, a comarca de Vigo obtivo unha ocupación do 57%, O Baixo Miño acadou o 89,6%, as comarcas do Condado e A Paradanta chegaron ao 55,68% e Deza e Tabeirós-Terra de Montes superou o 47,33%.

 

Sobre as vivendas turísticas, a presidenta da Deputación destacou que a media de ocupación na provincia foi de ata 17 puntos por riba do esperado. “A nivel provincial agardábamos unha porcentaxe do 60% para xullo e finalmente acadamos un 77% de ocupación nas vivendas turísticas na provincia”.

 

No caso dos cámpings, Carmela Silva tamén amosou a súa satisfacción por ter acadado unha porcentaxe do 65,27% no mes de xullo.

 

Castelo de Soutomaior e Camiños cara Compostela

 

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer os datos relativos ás visitas rexistradas no Castelo de Soutomaior no pasado mes e ás persoas peregrinas que percorren as diferentes rutas pola provincia cara Compostela.

 

No caso do castelo de Soutomaior, en xullo rexistráronse ata 5.190 persoas, o que supón un 26% máis de persoas que se achegaron ata o recinto este mes de xullo con respecto ao ano anterior.

 

En canto aos camiños cara Compostela pola provincia, a presidenta informou que este ano chegaron a Compostela 48.289 peregrinos e peregrinas (2.000 máis que o ano pasado), e delas e deles percorreron rutas pola provincia 13.693 persoas (2.018 máis que en xullo de 2017). Máis polo miúdo, Silva asegurou que percorreron o Camiño Portugués 10.220 persoas en xullo, un 13% máis que no mesmo mes do 2018 cando o seguiron 8.906 persoas. No caso do Camiño pola Costa foi percorrido por 1.779 persoas en xullo deste ano, un 45% máis que o ano pasado, cando o realizaron 985 persoas. Pola súa banda, a Vía da Prata foi seguida por 1.517 persoas e o Camiño de Inverno por 177.

 

 

Perfil das persoas turistas

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén achegou datos relativos ao perfil das persoas turistas que visitaron as oficinas de turismo da provincia. Neste eido, o 83% procedían de España, en concreto de Madrid, do País Vasco, Barcelona, Valladolid e Navarra. Con respecto ás turistas e aos turistas do estranxeiro (17%) viñeron dende Italia, Francia, Portugal, Alemaña e Reino Unido.

 

O 52% das persoas que visitan as oficinas de turismo da provincia teñen entre 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis (50%) entre 7 e 15 días. Tamén informou Silva que os principais motivos para visitar as Rías Baixas son o ocio e a cultura e que o 63% das e dos que chegaron ata a provincia non coñecían o destino.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.